
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, subliñou que a Eurorrexión Galicia Norte de Portugal é un exemplo en Europa de cooperación a ambos lados da fronteira, dende que se creou a Comunidade de Traballo en 1991. Para Gamallo, Galicia e o norte de Portugal son moito máis que cooperación e fondos europeos por esa identidade común, xeográfica e cultural a un lado e outro da raia.
Nesta liña, insistiu no plan de reactivación económica levado a cabo pola Eurorrexión durante a pandemia, que foi considerado polo Eurobarómetro do Comité de Rexións de Europa un exemplo de cooperación de proximidade. Ademais, engadiu que o novo cadro financeiro plurianual é a oportunidade para a transición enerxética, transición dixital e transición demográfica en Galicia e o norte de Portugal.
Xunto a Jesús Gamallo interviron o presidente da CCDR-Norte e da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, António Cunha, e o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), Nuno Almeida, cos que o director xeral de Relacións Institucionais e coa UE fixo fronte común á hora de reivindicar as necesidades da Eurorrexión e de atender aos desafíos que se lle presentan ante o novo marco financeiro.
Ademais, no transcurso do acto en Braga asinouse un convenio de colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a Confederación Empresarial do Minho (ConfMinho).
A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.