Noticias

A Xunta esixe que o proxecto industrial que presente Vestas como alternativa á produción de Viveiro terá que garantir o mantemento do 100% do emprego

A primeira xuntanza da mesa industrial de Vestas para buscar solucións que garantan a continuidade do emprego na factoría de Viveiro celebrouse en Santiago de Compostela coa asistencia por parte da Xunta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Asistiron tamén á reunión, convocada pola Xunta de Galicia, representantes do Goberno central, da empresa, do comité de empresa e dos sindicatos.

A empresa comprometeuse durante os próximos días- ata o vindeiro mércores, día 13, cando terá lugar a segunda reunión- a traballar para buscar solucións que poidan dar continuidade á viabilidade da factoría de Viveiro. O Goberno galego e os representantes dos traballadores deixaron claro, ao respecto, que só aceptarán solucións ou proxectos industriais que pasen polo mantemento do 100% do emprego. “Para a Xunta de Galicia non é unha alternativa unha solución a medias”, recalcou Lorenzana.

Deste xeito, a dirección da compañía comprometeuse a estudar unha posibilidade para transformar a súa produción, que se avaliará na próxima reunión. “Temos que ser áxiles porque o procedemento do ERE continúa en paralelo cos seus prazos legais e, por iso, convocamos con esta premura a próxima reunión”.

Os representantes autonómicos valoraron de xeito positivo a asistencia da empresa á mesa industrial, aínda que lamentaron que a compañía non aceptara retirar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) mentres teñan lugar as negociacións. Neste senso, Lorenzana destacou que hoxe mesmo, na reunión, a Xunta e os representantes dos traballadores insistiron en que se retirara o ERE e lembrou que, a semana pasada, por carta, ela mesma solicitou á dirección da compañía que non presentara a comunicación formal deste expediente de regulación de emprego antes da celebración da mesa industrial. “Isto tería permitido facer a negociación con máis tempo”, apuntou.

A conselleira tamén indicou que a Xunta non ten competencias para suspender o ERE. “Non é posible xuridicamente, o único que pode paralizar o ERE é a empresa”, subliñou. Lorenzana engadiu, ao respecto, que a única competencia da autoridade laboral é comprobar que existe unha boa fe na tramitación do expediente, que se formule de xeito adecuado.

A Xunta, por último, tamén valorou como positivo que acudiran á xuntanza representantes dos dous ministerios competentes nesta materia, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a Vicepresidencia terceira e Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico., xa que é imprescindible a implicación do Goberno central para acadar unha solución satisfactoria.

En definitiva, o Goberno galego manterase como ata agora ao lado dos traballadores e as súas familias, só aceptando unha alternativa que pase polo mantemento do 100% dos postos de traballo da fábrica de Viveiro.

R., 2021-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES