Noticias

As universidades galegas poñen en marcha o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia

A investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das matemáticas constitúen o eido de actuación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga) que nace como froito da suma de esforzos das tres universidades galegas. UVigo, USC e UDC únense para conformar este novo centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, “para dotar á sociedade e á industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, sinalan dende as tres institucións.

En CITMAga as universidades galegas integran as súas capacidades científicas e tecnolóxicas no eido das matemáticas máis competitivas nunha axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polos programas marco europeos (Horizon Europe), a Estratexia Española de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e a RIS3 de Galicia.

O centro botou a andar oficialmente esta semana coa celebración da xuntanza do seu Consello Reitor, tras o cal o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri, lembraba que “somos unha potencia na investigación e na transferencia das matemáticas e, neste senso, o CITMAga continuará co bo facer que ata o de agora desenvolveron tanto o Instituto de Matemáticas da USC, como o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati)”.

Esta reunión serviu tamén para nomear o Consello Asesor Científico Externo, que estará integrado por Manuel de León, fundador e ex-director do Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT); Luis Vega, ex-director do Basque Center for Applied Mathematics (BCAM); Emilio Carrizos, presidente da Red Math-in; Patrizia Pucci, profesora da Universidade de Perugia; e Kathryn Hess, profesora da Ecole Polytechnique Federale de Lausane, todos eles referentes no ámbito das Matemáticas a nivel internacional, e líderes de iniciativas de éxito coma o ICMAT ou o BCAM. Dado que a actividade de transferencia é tamén un piar do centro, o CITMAga contará cun Comité Asesor Industrial do que formarán parte Rebeca Acebrón, CEO en Acebrón Group e vicepresidente de Asime; Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa; Javier Bullón, ex-director de I+D de Ferroatlántica; Antonio Torrado, director da área de Big Data & Advanced Analytics de SDG Group Iberia; e Xosé Ramón Sousa, director de I+D de Optare Solutions.

A axenda científica

CITMAga converterase nun piar de excelencia dentro do ecosistema de innovación e investigación e tecnoloxía matemáticas de Galicia, atraendo e retendo talento, cun forte compromiso coa transferencia de coñecemento e dando á sociedade e á industria galega e española unha vantaxe competitiva e sostible a través do acceso a tecnoloxías innovadoras de primeiro nivel.

Estes obxectivos reflíctense claramente na súa organización científica. A Axenda M4 (Axenda "Matemáticas para") inclúe catro áreas de investigación e transferencia (AIT), —Matemáticas para a vida e a sustentabilidade, Matemáticas para a sociedade dixital, Matemáticas para a competitividade industrial e Matemáticas para a ciencia e o coñecemento— concibidas como programas interdisciplinarios que promoven a colaboración científica e a interacción institucional para resolver problemas globais relacionados coa vida e a saúde, a sociedade dixital e a industria, así como para xerar e difundir coñecementos matemáticos de vangarda.

Itmati, na orixe

A estreita relación coa contorna e a necesidade de contar con mecanismos de transferencia adaptados ás necesidades das demandas por parte da industria levaron a un grupo de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, a promover a creación dun consorcio interuniverstario, o Itmati. Dende a súa creación, en 2011, desenvolveu unha destacada actividade na posta a disposición do coñecemento e as capacidades matemáticas desenvoltas nas universidades galegas ao mundo empresarial. A relación coa contorna industrial materializouse en distintas iniciativas como por exemplo a creación dunha Unidade Mixta de Investigación con Repsol, e tamén numerosas colaboracións con empresas punteiras como Reganosa. A creación do CITMAga supón, polo tanto, un novo paso ao tratarse dun centro interuniversitario que aspira a converterse nun centro de investigación de referencia.

R., 2021-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES