Noticias

Galicia resiste á covid-19 con menos paro

Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo confirman, tal e como valorou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, que Galicia non só segue a resistir á covid-19 (hai preto de 40.000 parados menos que en abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria), senón que a cifra de parados rexistrada en xullo (151.934) é menor á de febreiro de 2020 (166.229), xusto antes do inicio da covid-19. O desemprego, ademais, baixou tanto na evolución anual como mensual e nas catro provincias e sete grandes cidades, nas mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos.

Galicia, ademais, continúa creando emprego e supera a barreira do millón de afiliacións á Seguridade Social. É a terceira comunidade autónoma con maior incremento de cotizacións na evolución mensual.

Con respecto a xullo de 2020, o paro baixou un -13,33% (-23.377 persoas), o maior descenso porcentual de toda a serie histórica de datos (1996), o que inverte a tendencia negativa de xullo de 2020, cando subiu o desemprego. O paro en Galicia, deste xeito, baixa por cuarto mes consecutivo na evolución anual e segue a niveis de paro inferiores ao reflectido en xullo de 2009, isto é, ao rexistrado hai 12 anos. O desemprego baixa en todos os sectores económicos, liderando a caída a construción (-19,89%) e a agricultura e a pesca (-14,76%), seguidos do sector servizos (-12,33%) e da industria (-9,37%). Tamén descende nos colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-29,67%), as mulleres (-11,25%) e os maiores de 44 anos (-6,48%).

A baixada do paro en Galicia é, ademais, maior que a reflectida no Estado con unha vantaxe de 3,88 puntos. De feito, a comunidade galega é a cuarta na que máis baixa o desemprego en termos absolutos. Á caída do paro únese o aumento da contratación indefinida (+8,07%) e a tempo completo (+13,93%) e o crecemento nas afiliacións nun 3,04%, recuperándose por cuarto mes consecutivo o crecemento anual. Esta suba é a maior dun mes de xullo desde 2007.

Evolución mensual

Lado, así mesmo, explicou os principais datos da evolución mensual. O paro leva baixando sete meses consecutivos: Galicia é a única comunidade autónoma que experimenta esta caída do paro desde xaneiro e de xeito continuado ao longo de todo o ano. Con respecto a xuño deste ano, o desemprego baixa nun -3,67% (-5.784 persoas), un descenso maior que o rexistrado en xullo de 2019, antes da pandemia, cando o desemprego caeu na Comunidade autónoma nun -2,79% (-4.328 persoas). Tamén baixou nas catro provincias galegas, as sete grandes cidades, nos sectores económicos e nas mulleres, nos menores de 30 anos e os maiores de 44.

En canto ás afiliacións, Galicia é a terceira comunidade con maior subida en termos absolutos e o crecemento rexistrado (+1,42%) supera en 0,95 puntos o incremento do Estado (+0,47%). A contratación, ademais, medra nun 17,69% fronte á subida do Estado do +2,24%.

En palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Galicia continúa resistindo á covid-19 e se atopa “no camiño da recuperación”, con menos paro que en febreiro de 2020, “froito da estabilidade” que, tal e como apuntou, demóstrase coa aprobación a semana pasada dun teito de gasto non financeiro para 2022 de 11.571 millóns de euros. “Isto permitirá continuar coa reactivación económica e do emprego e que Galicia recupere a mediados de 2022 o nivel de riqueza precovid”, engadiu.

Lado expuxo que “aos datos positivos” de paro rexistrado súmanse os da EPA que se coñeceron a semana pasada e que confirmaron que a taxa de paro segue sendo mellor en Galicia (12,40 puntos) que no Estado (15,26 puntos), e que a ocupación recuperou a senda positiva con máis dun millón de traballadores pese á covid-19.

A directora xeral lembrou que as previsións macroeconómicas actualizadas a semana pasada pola Xunta prevén que Galicia encadeará dous exercicios de crecemento sostido da economía e do emprego. Para acadar esta meta, Lado indicou que a Xunta está a impulsar no eido laboral o emprego a través do deseño de programas que responden ás necesidades do tecido produtivo. Ao respecto, recordou que o Consello da Xunta celebrado a semana pasada aprobou 72,1 millóns de euros para apoiar aos traballadores e traballadoras pertencentes a diferentes colectivos como son as persoas con discapacidade, desempregados, empregados do sector servizos e traballadores da economía social, así como titulares de empresas abocadas ao peche para a súa transformación en cooperativas ou sociedades laborais.

R., 2021-08-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.
Foto de la tercera plana (praia_mar.jpg) Galicia segue a ser un referente nacional en calidade ambiental e turística, con 137 bandeiras azuis e 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. Sanxenxo mantén a súa posición á cabeza do conxunto estatal con 17 praias, 3 portos deportivos (o Real Club Náutico Sanxenxo, o Club Náutico Portonovo e o Porto Deportivo Juan Carlos I) e 1 centro azul (o Centro de Interpretación das Telleiras), ademais de ser o concello que conta co maior número de sendeiros azuis de toda España, cun total de 8 rutas. Galicia mantense entre as tres Comunidades con máis distintivos azuis (tras a Comunidade Valenciana e Andalucía) con 137 galardóns que inclúen praias, portos e centros azuis, ademais de 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. De feito, concentra unha de cada seis bandeiras azuis concedidas este ano aos areais españois.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo. Coordinados polo catedrático Jesús Simal Gándara, investigadores e investigadoras dos grupos de Investigacións Agrarias e Alimentarias; Tecnoloxías Aeroespaciais e Historia Contemporánea I conforman a representación da UVigo en AgroSpace.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES