
Nesta liña, o titular da Xunta propuxo avaliar o uso da vacina Janssen para menores de 40 anos cun consentimento informado; así como avanzar na Estratexia nacional de vacinación que permita a elaboración dunha planificación para os vindeiros meses e abordar a posible inmunización dos menores de 12 anos e as súas implicacións a nivel educativo.
Logo de reiterar a necesidade de contar cunha lei de pandemias, Feijóo trasladou tamén a utilidade de empregar os certificados de vacinación para acceder a determinados espazos pechados, de forma que non se pare a actividade económica e social naqueles concellos cunha incidencia moi alta, evitando peches.
O presidente da Xunta lamentou que o Goberno central non acepte esta proposta, expoñendo a contradición que supón esixir o pasaporte covid ou proba PCR negativa para acceder á xuntanza de hoxe e que esta seguridade sanitaria non se ofreza aos cidadáns para entrar en establecementos como os da hostalería, especialmente afectados pola crise.
E formulamos tamén a necesidade de que o Executivo se comprometa coa Atención Primaria en España, porque non temos médicos de familia suficientes, nin pediatras, dixo. Ao respecto demandou dúas ferramentas: a convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia e pediatría, como mínimo; e sacar todas as prazas vacantes no ámbito do Sistema Nacional de Saúde para que se poidan cubrir a través das ofertas públicas de emprego.
Cogobernanza na execución dos fondos e transparencia no seu reparto
No marco económico, Feijóo reclamou novamente cogobernanza na execución dos fondos e transparencia no seu reparto; uns criterios, dixo, que espera marquen a Conferencia Sectorial co Ministerio de Hacienda que se celebrará o vindeiro luns. De momento, de todos os fondos que repartiu o Goberno, o 62% xestiónao a Administración central e só o 32% o reparte ás comunidades, que nos sentimos máis como unha especie de oficinas que xestionan as decisións dos ministerios, explicou.
E tampouco temos ningún criterio obxectivo de como se están repartindo os PERTE, dixo, recordando que Galicia, a pesar de que fabrica o 22% dos vehículos en España, non tivo ningunha oportunidade de presentar a súa candidatura a unha fábrica de baterías.
Por último, no ámbito demográfico, o titular da Xunta destacou a necesidade de reformar a estratexia parcial que o Goberno aprobou. Lamentablemente non tivemos oportunidade de consensuar a estratexia unilateral que aprobou o Consello de Ministros, abundou, trasladando tamén a importancia de que as comunidades cun maior impacto de avellentamento poboacional traballen conxuntamente.
E tamén formulamos unha política de retorno para fillos e netos de españois, dixo, recordando que máis de tres millóns de españois residen no exterior, e moitos deles, se lles damos a oportunidade, poderían vir a España.
Feijóo concluíu facendo fincapé na ausencia de acordos durante a xuntanza: Houbo moitos máis monólogos que diálogos e lamentablemente non temos acordos que poidamos transmitir aos cidadáns, explicou.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.