
Partindo da base de que a pandemia provocou en España en 2020 un impacto económico sen precedentes e sen equivalentes na OCDE, o informe destaca que Galicia está entre as catro comunidades autónomas menos afectadas e a medio camiño entre España e a media da UE27, indicouse na rolda de prensa. Neste senso, David Regades explicou que o informe conclúe que foi determinante o comportamento das exportacións e do sector da automoción e Santiago Lago que a esa dinámica contribuíu unha menor incidencia do virus e unha desescalada máis rápida tras o confinamento. Ademais, no informe sublíñase que os ERTE teñen sido un mecanismo exitoso para afrontar a pandemia; que a fenda de xénero no mercado de traballo amplíase e as mulleres levan a peor parte e que a automoción tivo un comportamento extraordinariamente positivo en Galicia xa desde xuño de 2020.
Os resultados da enquisa de Ardán entre as empresas arroxan datos como que o 37% optou por aplicar un ERE; o 55% recorreu ás liñas de liquidez do ICO ou Igape e o 58% ao teletraballo. O 28% das compañías enquisadas declara un efecto severo provocado pola pandemia, o 60% un impacto moderado e un 12% unha incidencia desprezable. En hostalaría e actividades artísticas, recreativas e de entretemento as porcentaxes superan o 90%. No extremo contrario, indican desde Zona Franca, aparecen as empresas do sector primario (10%), información e comunicacións (17%) e actividades profesionais, científicas e técnicas (26%). O crecemento das vendas on line en 2020, engaden, é moi notable (+9%), especialmente nas máis grandes (+29%).
En canto aos posibles escenarios para 2021, o informe apunta que, no escenario optimista, o crecemento anual agardado é 8,8% e no escenario pesimista a taxa de crecemento simulada é 4,8%. Finalmente, o documento anota neste senso sete oportunidades e retos: dixitalización, demografía, medio rural, automoción, sistema de I+D+i, transición enerxética, redución de burocracia e impulso de colaboración público-privada.
Situación empresarial en 2019
Ademais do capítulo sobre o impacto da pandemia, o informe Ardán 2021 analiza unha mostra de 35.529 empresas (que supoñen o 51% do PIB de Galicia), que depositaron as súas contas anuais do exercicio 2019 nos rexistros mercantís das provincias galegas. Dos datos obtidos destácase que o conxunto de empresas rexistrou uns ingresos de explotación de 108.058 millóns de euros e achegaron ao PIB, a través do valor engadido bruto, 32.878 millóns de euros. Esta cifra recolle unha marca histórica para os datos de Galicia, sinalan desde Zona Franca. No conxunto das empresas, a capacidade para crear valor engadido bruto creceu no ano analizado a un ritmo do 4,8%. O informe tamén recolle que as empresas de Galicia teñen unha capacidade de creación de riqueza un 130% maior sobre a que se produciu no ano 2009, o peor ano da crise. O número de postos de traballo directos asignados a estas empresas é de 406.274 persoas, un 3,4% máis que o ano anterior.
Analizando o tecido empresarial de Galicia por sistemas produtivos sectoriais, o informe indica que o téxtil, confección e moda representa o 38,29% do valor engadido bruto. Séguelle servizos profesionais, que volve ser o número dous cun 14,44%, e construción xera o 8,66% sobre o conxunto de Galicia. En cuarta posición está loxística e transporte cun 5,53% e automoción e equipo cun 5%. Estes cinco sistemas produtivos xunto con agroalimentario e pesca son os responsables do 80% do valor engadido bruto creado polo tecido empresarial de Galicia no ano analizado, indican os responsables do informe. No período analizado rexistrouse unha creación neta de postos de traballo do 2,9%.
Un total de 1.621 empresas alcanzan un ou máis indicadores Ardán: alto rendemento, alta produtividade, gacela, ben xestionada, xeradora de riqueza, empresa global, empresa circular, empresa igual en xénero, empresa innovadora e xestión do talento. O total de firmas con indicadores son só un 5% da mostra. Entre as novidades de Ardán está que nesta edición deseñouse unha nova metodoloxía para medir a capacidade das empresas para xestionar o talento, que presentou o profesor Xavier Martínez Cobas. Por último, no que respecta ao índice de igualdade, o ano 2021 achega un lixeiro retroceso. No informe calcúlase o custo de non igualdade para as mulleres, resultado de comparar a situación real cunha hipotética situación de igualdade, e o cálculo teórico da perda neta para as mulleres no ano 2020 foi do 4,8%, é dicir, as mulleres deixan de percibir, de media, 17.315 euros brutos anuais por non atoparse nunha situación de equilibrio.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.