
Antonio López, reitor da USC, participou esta fin de semana na xuntanza do Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, a primeira que se celebra nos últimos 18 anos e que busca desenvolver un modelo transformador para a cidade. A institución universitaria é un dos elementos definitorios de Santiago como cidade patrimonio cultural da humanidade e como final do Camiño. Esta condición de cidade universitaria forma parte, como segunda natureza, do ser mesmo da cidade.
A xuntanza do Real Padroado serviu para presentar a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 `Camiño de Compostela 2032´, no que se recolle un investimento global de 281, 56 millóns de euros para o período 2021-2032. O documento define un ambicioso proxecto de inversión plurianual do que a USC participa con diversos proxectos, que forman parte do seu plan de infraestruturas, de carácter estratéxico para vindeiros anos: a conservación de edificacións históricas como a Facultade de Xeografía e Historia ou o actual edificio da Facultade de Medicina; a humanización e o fomento dunha maior conexión do Campus Universitario co resto da cidade; ou o da futura Cidade da Saúde, entre outros.
O traballo previo realizado dende a USC a través, entre outros, do Plan de Infraestruturas permite a formulación de proxectos para cada unha destas actuacións, dando sentido ao investimento anunciado, ao tempo que constitúe un enfoque fundamental para planificar o calendario de traballo.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.