Noticias

Concedidas as Medallas Emilia Pardo Bazán a Marijé Díaz, Zaza Ceballos e á Asociación Mirabal

A fundadora e presidenta entre 2001 e ata o seu falecemento en 2009 da Asociación Alar de Galicia, María Jesús Díaz Sánchez; a produtora, escritora e directora de cine, Zaza Ceballos; e a Asociación Mirabal recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán na terceira edición destes premios. O xurado vén de fallar estes galardóns cos que a Xunta recoñece o labor a favor da igualdade de oportunidades para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade. María Jesús Díaz, máis coñecida como Marijé Díaz, recibirá a medalla a título póstumo.

Fundou en 2001 Alar Galicia para loitar polos dereitos das persoas máis desfavorecidas, incidindo sempre no rostro de muller da pobreza e sempre loitando pola igualdade de xénero e potenciando os recursos das mulleres para acadar o empoderamento real. O seu labor estivo centrado na profesionalización da muller para favorecer a súa autonomía. Na súa traxectoria profesional, ademais, elaborou varios informes e medidas de apoio contra a violencia de xénero e vítimas de violencia machista. Dirixiu, ademais, estudos de investigación social para sacar á luz a realidade das mulleres que máis sofren e proxectos de inserción social e laboral de mulleres en situación de precariedade.

Zaza Ceballos, pola súa banda, é unha das pioneiras do sector audiovisual de Galicia. Produtora, escritora e directora cinematográfica galega, no ano 1985 comezou a traballar na Televisión de Galicia, ocupando diversos postos de responsabilidade. Tamén foi membro da comisión de expertos para a concesión das axudas da Consellería de Cultura e responsable de coproducións nacionais e internacionais, levando, ademais, a produción de series de televisión e de ficción documental. En 1998 fundou Zenith Televisión, onde actualmente é directora e produtora executiva de diferentes películas, entre elas, sobre Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. Tamén é profesora de creación no Mestrado de desenvolvemento e distribución de contido audiovisual, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

Mirabal, tamén galardoada nesta edición cunha das Medallas Emilia Pardo Bazán, é unha asociación que leva traballando máis de 10 anos na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas, non só no ámbito municipal, tamén comarcal, prestando servizos nos concellos de Curtis, Oza-Cesuras e Pondedeume. O colectivo desenvolve un traballo integral de atención e acompañamento ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Desde 2019

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes. Poden ser destinatarias das medallas persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado que coa súa traxectoria ou labor contribúan no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Cada ano outórganse tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico.

Coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase, polo tanto, un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva. A concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

R., 2021-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES