
No que atinxe aos novos títulos de grao, inclúense dous na rama de Humanidades, un para a Universidade de Santiago de Compostela e outro na Universidade de Vigo. Así pois, a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC) ofertará o vindeiro curso o grao en Xestión Cultural, con 45 prazas a razón de 25 na modalidade presencial e 20 na semipresencial. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
O outro desta rama é o grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, que se impartirá na Facultade de Filoloxía e Tradución do Campus de Vigo (UVigo). Neste caso ofértanse 50 prazas e o grao contará con dúas especialidades ou mencións, que son a Mención galego e a Mención Español. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios no mesmo campus e centro.
Así mesmo, a Universidade da Coruña (UDC) ofertará o grao de Máquinas Navais, que se poderá cursar na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas no campus herculino. O grao disporá de 50 prazas en modalidade presencial e dúas mencións, unha en Enerxía e Propulsión e outra en Oficial Electrotécnico. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do grao en Tecnoloxías Mariñas.
O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión GaliciaNorte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.