Noticias

Publicada a ampliación do plazo de solicitude das axudas do 3º plan de rescate ata o 30 de setembro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación da orde que regula as bases para o 3º plan de rescate, xestionado pola Xunta cos 234,4 millóns de euros que lle corresponderon do reparto do Estado para axudas directas ao tecido empresarial, coa que amplía o prazo de solicitude dos apoios ata o 30 de setembro para permitir que os cartos cheguen a máis persoas traballadoras autónomas e empresas afectadas pola covid-19. A pesares dos esforzos da Xunta por axilizar e simplificar o 3º Plan de Rescate, as cargas burocráticas impostas no Real Decreto que regula as axudas directas para xestionar as Comunidades están disuadindo ou imposibilitando o acceso ás mesmas de gran parte do tecido empresarial galego.

O 14 de xuño Galicia activou o 3º plan. Hoxe, a un día de vencemento do prazo, apenas se recibiron 4.000 peticións que supoñen 64M€. Tanto no 1º como no 2º plans de rescate autonómicos, a Xunta rexistrara unhas 40.000 solicitudes en cada un. Constátase que se ten presentado un número moi reducido de solicitudes en relación cos plans precedentes, polo que se considera necesario flexibilizar os requisitos e reducir a burocracia imposta polo Real Decreto estatal que regula as condicións de acceso aos pagamentos para todas as Comunidades Autónomas.

A Xunta, ademais de dirixir cadanseus escritos á Vicepresidencia 1ª do Estado e á ministra de Hacienda, decidiu utilizar a escasa marxe de manobra que lle deixa a regulación estatal para ampliar o prazo de solicitude ata o 30 de setembro (vencía mañá) e para reducir ao 30% o requisito de baixa de facturación para que as empresas de calquera sector poidan percibir os cartos.

Nas misivas remitidas ao Goberno central, Galicia pide que para percibir os cartos non sexa preciso como agora ter débedas e créditos pendentes e solicita liberar ás empresas da carga burocrática e de información fiscal que teñen que xustificar. Tamén demanda claridade nos criterios porcentuais polos que se calcula a contía máxima a percibir.

Como nos dous primeiros plans de rescate, a Xunta defende que prime o requisito de especial afección pola pandemia, xustificado por unha caída do volume de facturación, sen impoñer un destino específico aos cartos percibidos.

O Goberno galego quere que se acaden os obxectivos de apoio á solvencia empresarial do sector privado previstos no Real Decreto 5/2021. Medidas como a da ampliación do prazo foron pactadas cos representantes do Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo, que veñen trasladando á Xunta, nas reunións periódicas a insuficiencia destes apoios.

Bono autónomo

Tamén desde hoxe poden solicitarse as axudas do Bono Autónomo, unha liña de apoios que a Xunta de Galicia lanza por quinta edición para as persoas traballadoras por conta propia. O programa está dotado dun investimento de 5,5 millóns de euros encamiñados á mellora do rendemento empresarial e profesional dos autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses.

Con estes cartos preténdese, por unha banda, contribuír á consolidación dos negocios das persoas traballadoras autónomas e, por outra, animar a novos emprendedores a iniciar as súas andainas por conta propia.

R., 2021-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES