Noticias

Máis de 18.000 profesionais sociosanitarios coidaron física e emocionalmente en Galicia durante a pandemia a 22.000 maiores e a máis de 2.000 persoas con discapacidade

Parece unha historia do pasado, e oxalá podamos percibila pronto como un afastado recordo, pero hai poucos meses que as residencias de maiores e persoas con discapacidade constituían motivo xeneral de preocupación nunha grave situación de pandemia que arrasou a todo o país, cebándose especialmente nos máis vulnerables. A situación implicou centrar todos os esforzos en converter estas instalacións en auténticas fortalezas nas que ninguén podía entrar nin saír sen causa xustificada.

Certamente, os protagonistas e verdadeiros heroes deste tempo estraño e difícil foron os propios residentes, que tras unha vida de esforzos non imaxinaban ter que vivir esta última batalla. Pero tamén os seus coidadores, o persoal sociosanitario que puxo o seu traballo e a súa vida ao dispor dos que máis necesitaban apoio e coidado.

Javier Vázquez, xefe territorial da Consellería de Política Social na provincia de Lugo, que asumiu en xullo de 2020 a dirección da residencia pública As Gándaras da capital lucense, comenta a transformación dun centro sanitario nun exercicio de precisión: “Quendas para comer, respectar os protocolos sanitarios, realizar probas constantes, coordinar a comunicación entre departamentos, cadrar os horarios de visitas e, todo, sen esquecer a parte máis humana e emocional dun momento como este”, engadindo que “Collín as rendas da residencia nun punto moi duro. Foron momentos de moita ansiedade, pero esa ansiedade facíache estar activo. O traballo en equipo e un alto nivel de implicación por parte dos profesionais permitiron que non tivésemos ningún caso entre os residentes”.

En Galicia existen máis de 18.000 traballadores sociosanitarios que coidan a 22.000 persoas maiores e a máis de 2.000 persoas con discapacidade. Este colectivo é a parte oculta, e á vez protagonista, da difícil situación vivida. O actual xefe provincial de Política Social en Lugo indícanos que “Os residentes eran o que nos motivaba a traballar. Días antes de Nadal, unha usuaria chegou a pedirnos saír para comprar os agasallos dos seus netos cando só se permitían saídas xustificadas para ir ao médico e pouco máis. Eses momentos tan emotivos empuxábannos a facer todo o posible para devolverlles a normalidade”.

En similar sentido pronúnciase Maite Caneda, directora da residencia pública de Campolongo (Pontevedra), que relata que o momento máis alegre era cando trasladaban o resultado dos cribados que certificaban que non había contaxios. Uns minutos de felicidade que pronto se volvían a transformar en incerteza. “O ambiente era un tanto solemne -comenta-, ninguén sabía como actuar, pero iso permitíanos tamén ser estritos e ter moito coidado co contacto e a hixiene”. Asegura que tanto familiares como usuarios tiñan confianza cega nas medidas recomendadas e cumpríanas a machada. “O que peor levaban era non poder ter contacto cos compañeiros que estaban noutros sectores. Iso, e non saír á rúa. Tiñamos que enxeñárnolas para buscar actividades que lles axudasen a ter a cabeza ocupada”, sinala, “e sempre soñando con ir tomar un mojito todos xuntos cando todo acabase!”.

Neste centro de Campolongo chegouse a inaugurar unha terraza onde os usuarios puidesen tomar o café, aumentaron as merendas -que antes da COVID eran apenas frecuentadas, pero convertéronse nos mellores momentos de conversación- e os profesionais elaboraban sobremesas caseiras para cambiar o menú e permitir que o aire fresco entrase de novo na residencia. “Cando nos permitiron realizar as primeiras saídas a domicilios, tanto familiares como usuarios dicíannos que preferían quedar, que na residencia se atopaban seguros”, lembra a directora.

Noticia


Afastados das súas familias e amigos, os usuarios pasaron longos meses sen contacto co exterior. En relación con esta situación, Néstor Pena, auxiliar de enfermería no CEGADI, comenta: “Para min un dos momentos máis emocionantes eran as videochamadas que faciamos coas súas familias. A información a eles e entre eles converteuse nun dos traballos máis fundamentais”. O CEGADI foi un dos centros integrados postos en marcha polo Goberno Galego para illar aos usuarios positivos en COVID-19 e, nel, Néstor Pena recuperou a súa antiga profesión logo de que a pandemia deixase sen eventos o seu traballo como cantante de orquestra.

Este profesional apunta que “A COVID permitiume recuperar unha vocación apagada que me serviu para vivir unha experiencia inesquecible”. E, de feito, actualmente continúa dedicándose á enfermería xa desde un hospital, asegurando que afrontou con valentía a oportunidade de traballar nunha residencia nun momento como este, en momentos en que “había que estar ao 200% e non pasaba un día no que non se che caesen bágoas de emoción, pero mereceu a pena. Unha das miñas ilusións é volver ver aos usuarios que pasaron polo CEGADI. Vou levar sempre no recordo”, relata.

Experiencias e sentimentos que, nos comentan, son compartidos por traballadores e usuarios de residencias das catro provincias de Galicia. Xurxo Fernández, director do centro de Castro Caldelas, lembra como durante moitas semanas eles, os médicos, enfermeiros, auxiliares, xerontólogos e o resto do persoal da residencia convertéronse no único contacto dos maiores co exterior. “Supoño que pasar por estes momentos de tensión, pero tamén de alegría e confianza, uniunos máis a todos”, recoñece.

Parece, dicimos, que se trata dunha historia do pasado. Pero é un pasado moi recente. E, para os protagonistas, converteuse nun cúmulo de experiencias que contar a netos e xeracións vindeiras e isto débese principalmente a dous axentes; dúas realidades. Por unha banda, os protocolos, os equipos de protección e a vacina, que permitiron converter os centros de maiores e persoas con discapacidade nos lugares máis protexidos de Galicia e poñer a cero o contador de casos en residencias. E, por outro, a todos os profesionais sociosanitarios -máis de 18.000 en Galicia- que día tras día deron o mellor deles mesmos para conseguir que os usuarios de residencias vivisen estes meses difíciles dunha forma segura, acompañada e tranquila.

Este conxunto de magníficos profesionais, que conta con xeral recoñecemento dos galegos, ademais de ser capaz de ofrecerlles aos usuarios os coidados que a idade lles esixe, foi a calor humana dunha verdadeira familia. Unha gran familia ao servizo de todas as residencias de Galicia.

R., 2021-07-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES