Noticias

Os axentes galegos do software libre colaborarán coa Amtega no Plan de software libre 2021

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2021, que recolle diferentes actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade. Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.

Así mesmo, o acordo de colaboración co colexio profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén algunha actuación en prol do fomento do Software Libre.

Os acordos asinados permitirán a realización de diferentes tipos de actividades que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en Software Libre nas Universidades.

Software Libre na Administración

No ámbito da administración a Amtega continuará promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración reforzando a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución de aforro e mellora de produtividade, Así mesmo mantén o seu compromiso de liberación de dúas novas solucións tic desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. Ademais da actividade que se viña prestando a través do Centro Demostrador TIC, a posta en marcha este ano do GaiásTech permitirá seguir achegando solucións de software libre ás empresas, así como novas tecnoloxías emerxentes, nas que o software libre xoga un papel moi importante.

Software Libre para a cidadanía

Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

Un ano máis a Amtega colaborará co CIXUG no Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre e que tamén conta coa participación da Asociación GPUL.

Por suposto é neste eido onde se desenvolverán a maior parte das actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia.

Balance do Plan de Software Libre 2020

Xunto co plan 2021 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2020.

A pesar de ser un ano complicado pola situación sanitaria derivada da pandemia provocada pola COVID19 e as restricións motivadas polo ben da saúde pública, acadouse un nivel de cumprimento do plan establecido moi alto. Grazas á rápida resposta de todos os axentes implicados puidéronse adaptar moitas das actividades para seren levadas a cabo.

Así pois, a pesar da situación, leváronse a cabo ata un total de 41 actividades que supuxeron máis de 25.000 horas de formación en software libre alcanzando ata un total de 19.500 persoas. A través do Centro Demostrador TIC, algo máis de 400 empresas participaron nas diferentes actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 500 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, como a serie especial de ferramentas de software libre para o teletraballo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún, entre os que compre destacar unha serie especial de entrevistas a mulleres que destacan no ámbito das TIC.

R., 2021-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES