Noticias

Comezan o sábado as maiores oposicións de Educación da historia con 132 sedes en 23 localidades de toda Galicia para máis de 25.000 persoas

A Xunta de Galicia iniciará este sábado 19 de xuño as probas das oposicións do ensino máis amplas da historia tanto en número de prazas, un total de 3.894, como de tribunais e sedes. Deste xeito os exames, cuxa primeira proba se realizará entre o sábado e o día 25, desenvolveranse nun total de 132 sedes en 23 localidades de toda Galicia. A segunda proba terá lugar con posterioridade, nas datas marcadas polos tribunais. É a primeira vez que as oposicións se realizan en localidades máis aló das sete cidades galegas.

Deste xeito, na provincia da Coruña haberá probas na Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros e Santiago de Compostela; na de Lugo, en Monforte, Lugo e Viveiro; na de Ourense, no Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilamarín; e na de Pontevedra, na Estrada, Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

As 132 sedes son na súa totalidade centros educativos, tanto colexios e institutos como escolas oficiais de idiomas, centros integrados de FP, conservatorios de música e danza, escolas de arte e superiores de deseño e mesmo algunha escola universitaria.

As localidades con máis exames van ser as cidades. Así, a da Coruña acollerá probas de 27 especialidades, Vigo de 18, Santiago de 17, Pontevedra de 14, Lugo de 13 e Ourense de 12. Pola súa parte, en Culleredo e Ferrol haberá exames de cinco especialidades; en Monforte, Ribadavia, Lalín, O Porriño e Vilagarcía de dúas especialidades e no resto de localidades dunha soa especialidade.

Así mesmo, A Coruña contará con 24 sedes, Vigo con 22, Santiago con 15, Pontevedra e Ourense con 14 e Lugo con 12. En Ferrol haberá sete sedes, en Culleredo catro, en Ponteareas tres e dúas en Narón, Lalín e Vilagarcía. O resto de localidades terán unha sede.

As persoas opositoras poden consultar no Portal Educativo a que tribunal está adscrito e o centro concreto no que actúa cada tribunal

Incremento de tribunais

O incremento de sedes, localidades e tribunais incremento de localidades é a principal medida da Xunta de Galicia para acadar as máximas garantías de seguridade sanitaria nas oposicións. No referido a estes últimos, serán un total de 368, o que supón máis que duplicar os 163 tribunais que houbo nas oposicións do ensino do ano 2019.

Tendo en conta que hai 25.710 persoas inscritas nestas probas, o número medio de opositores de tribunal será de 70, fronte aos 109 opositores por tribunal do ano 2019.

Protocolo propio

As devanditas medidas van acompañadas dun completo protocolo de adaptación á covid que inclúe entre os seus puntos fundamentais que aos recintos só poderán acceder as persoas opositoras, gardar unha distancia de 1,5 metros, o uso obrigatoria de máscara cirúrxica ou hixiénica, a hixiene de mans con xel hidroalcohólico á entrada e saída, a limpeza e a desinfección das superficies, a ventilación dos espazos e o uso exclusivamente persoal de materiais como os bolígrafos, entre outros.

Así mesmo suprímese o acto de presentación e será cada tribunal o que comunique a través do Portal Educativo a aula concreta na que se examinará cada persoa e todas as cuestión que sexan necesarias; e a identificación das persoas opositoras realizarase na propia mesa, cando xa estean sentadas, para evitar aglomeracións. O persoal opositor deberá consultar no Portal Educativo a información e recomendacións que poida realizar o tribunal ao que está adscrito.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade adquiriu para o desenvolvemento destas probas, a través dunha compra centralizada, 1.200 litros de hidroxel e 60.000 máscaras para diversas necesidades, así como 1.200 caixas de panos desinfectantes. Este material xa se está a repartir entre as diferentes sedes.

R., 2021-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES