
O acordo supón inicialmente a posta en marcha de quince másteres de nova creación e dunha ducia de novas titulacións de grao nos sete campus universitarios. En todo caso, non se trata dun catálogo pechado, senón todo o contrario, está aberto ao enriquecemento e perfeccionamento constante, explicou o conselleiro, a través das achegas que fagan as propias universidades. Temos que ser quen de adiantarnos ás necesidades e demandas da sociedade e do seu tecido empresarial, afirmou o reitor Antonio López.
O acto serviu para ratificar a que será a folla de ruta das titulacións universitarias no sistema público galego para o período 2022-2026, co que se dá continuidade ao acordo pioneiro aprobado en 2017 para o período 17-21 que agora remata. Este documento, destacaron os asinantes, é froito do diálogo e do entendemento entre as administracións educativa e universitarias a prol da innovación, do talento universitario, do benestar social e do crecemento produtivo xa que as nosas tres grandes institucións universitarias son o catalizador do futuro de Galicia, que se verá reforzado a través das novas titulacións para os vindeiros cinco anos. Un dos obxectivos é, precisamente, completar o sistema público de titulacións de grao par que calquera poida realizar estudos universitarios sen saír da comunidade autónoma.
Criterios flexibles
Tanto para a implantación dos másteres como dos graos, o acordo establece unha serie de prioridades a ter en conta como a proposta de títulos inexistentes ata o de agora no SUG, o mantemento dun equilibrio entre institucións, as capacidades do profesorado dispoñible e a garantía da calidade da titulación, alén de que afonden na estratexia de especialización dos campus. Precisamente, atendendo aos criterios de especialización, terán preferencia os campus acreditados ou en proceso de acreditación, cuxas liñas principais docentes e de investigación coincidan ou encaixen maioritariamente coa temática do título a ofertar. Así mesmo farase fincapé nas titulacións de carácter interuniversitario, internacional ou de modalidade dual cunha orientación práctica e aplicada dos estudos.
Oferta adaptada ás necesidades de futuro
Esta folla de ruta que acaba de ver a luz e que ten como horizonte o ano 2026 está centrada na adaptabilidade ao mercado laboral e na especialización de cara a un escenario profesional máis diverso a través dunha oferta académica atractiva para o alumnado. A partir desta marco estratéxico conxunto, seguirase a traballar para fixar a distribución e os horizontes temporais da nova oferta por campus universitarios. Así pois, o documento recolle unha proposta inicial de quince novos mestrados en consonancia cos perfís profesionais de futuro enmarcados no Plan Galicia 2030 para adaptar a oferta universitaria ás ocupacións estratéxicas da próxima década e que van en consonancia con ámbitos relativos á sustentabilidade, ás microciencias ou á interacción 4.0.
Nestes momentos xa existe un acordo entre as tres universidades do SUG para impartir os títulos interuniversitarios de grao e mestrado en Intelixencia Artificial no curso 2022-2023 nas tres universidades públicas galegas onde actualmente se están a ofertar os graos de Enxeñaría informática. Asemade está previsto ampliar entre dez e doce a oferta de novos graos coa incorporación de titulacións que ata o de agora non existían no SUG relativos a disciplinas relacionadas coas biociencias, as enxeñarías avanzadas, a sustentabilidade ou as humanidades dixitais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.