Noticias

Publícase este venres o terceiro Plan de rescate que eleva a 560 millóns as axudas directas postas pola Xunta a dispor de autónomos e empresas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe en sede parlamentaria que o próximo venres o DOG publicará as bases da convocatoria do 3º Plan de Rescate co que a Xunta porá a dispor de autónomos e empresas 234,4 millóns de euros de fondos transferidos polo Estado. Con estes novos apoios directos do 3º Plan, aprobado en Consello o 2 de xuño, a Xunta, a través dos diferentes departamentos, terá posto a dispor de autónomos e empresas máis de 560 millóns de euros en axudas directas.

'O Goberno do Estado estivo máis dun ano sen facer ningunha achega', criticou a conselleira, quen indicou que agora faino 'tarde, mal e arrastras, cunha burocracia excesiva e con requisitos que resulta francamente dubidoso que unha gran parte dos autónomos poidan cumprir'.

Tamén fixo referencia Lorenzana a baixa contía dos fondos outorgados a Galicia, apenas o 3,34% dos 7.000 millóns transferidos ás Comunidades Autónomas. “Se tivésemos en conta o número de autónomos e empresas radicados na nosa comunidade, corresponderíanos o 7%, 350 millóns de euros”, cuantificou.
Tal e como lembrou a conselleira, a Xunta empregará a capacidade de manobra que lle deixa o Real Decreto-lei co que o Estado regula as axudas para estendelas a todos os sectores de actividade, e non limitalas ás 95 das 629 existentes.

Lamentou, no mesmo sentido, que so poidan ser beneficiarias dos apoios directos as persoas traballadoras autónomas e empresas con débedas pendentes de pago o que, ao seu xuízo, penaliza a quen fixo verdadeiros esforzos para saír adiante. “Os propios autónomos están dicindo que o 40% dos 7.000 millóns non lles chegarán” debido a estes requisitos, lembrou Lorenzana.
A Xunta, neste sentido, chegará a todos os sectores que acrediten alo menos un 40% de caída do volume de operacións, o que amosa a súa afectación real pola pandemia. “Reservamos un 85% dos fondos a autónomos e microempresas, para apoiar a continuidade da actividade empresarial na nosa comunidade respecto deste colectivo que constitúe o 97% do noso tecido produtivo”, manifestou Lorenzana.

O Goberno galego quere axilizar a tramitación dos pagos do 3º plan, minimizando a burocracia, e mediante o adianto do 100% dos importes que correspondan mediante a sinxela presentación dunha declaración responsable.

Nos dous primeiros plans de rescate “levamos executados en pouco máis de 6 meses un total de 182 millóns de euros, atendendo 66.500 solicitudes”, indicou a titular de Emprego e Igualdade na súa intervención. E continuou lembrando que cerca do 50% de todo ese orzamento dirixiuse ao sector da hostalaría: “O 90% dos bares, restaurantes, hoteis e cafeterías recibiron algunha axuda directa de fondos propios da Xunta”.

Para rematar, a conselleira invocou á “dimensión da xestión efectuada nos plans” o que fai que a Xunta leve investidos 416 millóns de euros nos tres plans de rescate que sumarán un total de 126.500 axudas. A estes hai que engadir outros 145 millóns xestionados por diferentes departamentos autonómicos ata un total de 560 millóns en axudas directas extraordinarias para os sectores e actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia.

R., 2021-06-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES