Noticias

Galicia acelera a redución de emisións grazas á súa Estratexia de cambio climático

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia está a acelerar a redución de emisións por riba da media nacional e en liña cos obxectivos que marca a Unión Europea, grazas á súa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050, que executou xa máis de 317 millóns de euros durante o primeiro ano de vixencia. Logo de avaliar no Consello da Xunta as medidas desenvolvidas desde a súa implantación, Feijóo lembrou que ata 2023 o plan recolle 171 medidas cun orzamento de 1.280 millóns.

Non en van, 114 medidas están en marcha, 53 están en estudo e 4 xa finalizaron a súa implantación. Ao longo da rolda de prensa, Feijóo precisou que as actuacións están estruturadas en catro grandes bloques. Así, no primeiro, chamado mitigación, concentrouse a maior execución, con preto de 268 millóns de euros, incluíndo iniciativas como: a posta en marcha de alternativas para unha mobilidade máis sustentable, co cambio a transportes máis eficientes e impulsando o transporte colectivo -132,6 millóns de euros-; a mellora da capacidade de absorción do sector forestal e fomento dos produtos madeireiros como depósitos de carbono, a través, por exemplo, do uso da madeira fronte a outros materiais -43,3 millóns-; ou a implantación da cultura da eficiencia enerxética, con axudas á vivenda, ás persoas en situación de pobreza enerxética e á instalación de renovables -22 millóns-.

Así mesmo, e coa intención de converter o sector primario en hipocarbónico, resaltou un investimento de 22 millóns de euros na xestión do gando; ademais dunha achega de 7,5 millóns para o fomento da compostaxe, a redución do desperdicio alimentario e a dotación de contedores.

Sobre o segundo eixo: adaptación, o titular da Xunta destacou un orzamento de preto de 16,5 millóns para: a consolidación dunha estrutura de redes de observación como instrumento de mellora da monitorización, a través de traballos para o desenvolvemento da investigación, seguimento e medidas de adaptación ao cambio climático; e acadar un sector agrícola adaptado ao cambio climático, a través da loita contra o abandono e a recuperación de terras, así como co asesoramento ás explotacións.

Por outra banda, e co fin de reducir a vulnerabilidade da poboación ante os riscos xerados polo cambio no clima, lembrou a posta en marcha de medidas destinadas á mellora da dotación de equipamentos, instalacións e infraestruturas de Protección Civil, entre outras.

No terceiro eixo, a investigación, Feijóo explicou que neste eido se destinaron máis de 6,5 millóns para fomentar o intercambio de coñecemento entre os diferentes axentes implicados, así como para promover a investigación e innovación.

Por último, a restante execución, máis de 26 millóns de euros, enmárcase dentro do bloque de dimensión social, gobernanza e sensibilización. E, entre as medidas deste cuarto eixe, subliñou a aposta por unha administración pública exemplar en materia de cambio climático, con actuacións de eficiencia enerxética en centros sanitarios, administrativos, sociais, educativos, universitarios e culturais. Ademais da creación da Oficina técnica do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, a través da cal 271 concellos —que representan o 80% da poboación— xa se comprometeron a reducir as súas emisións.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego afirmou que ademais deste balance, avaliáronse tamén os avances na loita fronte ao cambio climático de Galicia, España e a Unión Europea.

De feito, neste momento, a UE está a revisar os seus obxectivos, que a partir de agora se marcan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 55% en 2030, sempre con respecto a 1990.

Nesta liña, Feijóo concluíu aseverando que os datos mostran que Galicia está a converxer coa senda da UE. De feito, a Comunidade galega está neste momento 32 puntos mellor que a media nacional: mentres Galicia reduciu as súas emisións nun 23,8% con respecto a 1990, o conxunto do Estado incrementounas nun 8,5%.

Así, segundo salientou, a nosa Comunidade conta cunha Estratexia máis ambiciosa que a Lei estatal de cambio climático que o Congreso dos Deputados ten previsto aprobar mañá, unha norma que marca un obxectivo de redución de emisións dun 23% para 2030, meta que Galicia xa superou co devandito -23,8%.

R., 2021-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES