
En liña coa posición galega de loita contra a desinformación xa expresada polo director na anterior reunión desta comisión, Gamallo fixo un chamamento por unha liberdade de prensa que garanta o acceso á información veraz por parte de todos os cidadáns.
Igualmente, destacou o papel que, neste eido, as administracións rexionais e locais poden desempeñar a través de programas de alfabetización mediática que doten de ferramentas á cidadanía para discernir e non difundir información errónea. Para que esta loita contra a desinformación sexa efectiva, a Unión haberá de librar esta batalla en dúas frontes: no propio seo da Unión e nos países veciños, asegurou o director xeral propoñendo que Civex estimule o intercambio de boas prácticas de apoio aos xornalistas locais.
Durante esta terceira reunión virtual do ano, a comisión Civex tamén aprobou o ditame Axenda de loita contra o terrorismo da UE: anticipar, previr, protexer, responder e o ditame Asociación renovada cos países veciños meridionais, que promove, entre outros aspectos, o empoderamento da muller e a igualdade de xénero como factores de estabilidade e desenvolvemento socioeconómico no Norte de África.
Ao peche da xornada, os membros da comisión tiveron ocasión de debater sobre, a recentemente inaugurada Conferencia sobre o Futuro de Europa, en concreto, sobre o papel dos parlamentos rexionais dentro dela, e sobre o proxecto Cidades íntegras, que foi presentado no marco da iniciativa anticorrupción da Unión.
A comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións representa aos entes locais e rexionais da Unión Europea, asesorando sobre aquelas políticas e lexislacións que teñen un impacto directo sobre eles. Galicia conta cun membro titular e un suplente nesta asemblea política composta por 329 membros e os seus respectivos suplentes. No actual mandato 2020- 2025, Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria e cidadanía activa, entre outros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.