Noticias

O Comité Europeo das Rexións debate sobre a recuperación do turismo, a hostalería e a restauración, coa participación de Galicia

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana no terceiro pleno do ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrado de forma virtual dende o martes. Na sesión desta mañá, os máis de 300 representantes rexionais e locais debateron sobre as dificultades atopadas para a recuperación do sector turístico, hostalería e restauración. O comisario de Mercado Interior, Thierry Breton, explicou como este é o sector cun déficit de investimento máis elevado de entre os 14 ecosistemas definidos na Estratexia Industrial da UE.

Estímase que hoteis e restaurantes perderon de media un 85% dos seus ingresos, ao igual que os operadores turísticos e as compañías aéreas. Breton instou a utilizar o Mecanismo Europeo de Recuperación e os fondos europeos 21-27 para reinventar a industria turística e impulsar a súa transformación dixital e sostible.

Pola súa parte, os membros do CdR avogaron por un novo Marco Europeo de Turismo Sustentable, aliñado co Pacto Verde e a Axenda 2030 das Nacións Unidas, que teña en conta as estratexias rexionais pertinentes e que inclúa un plan para a redución da burocracia na lexislación comunitaria que afecta a este sector. O CdR propón, ademais, impulsar a marca de turismo europeo para manter e seguir impulsando o liderado europeo no eido internacional, dado que a UE xa acapara o 40% das visitas turísticas.

O CdR adoptou unha resolución sobre a libre circulación durante a pandemia na que acolle favorablemente a proposta de certificados interoperables non só de vacinación, senón tamén de probas diagnósticas e de recuperación da COVID-19. O CdR suxire tamén que se modifique o artigo 1 da proposta de Regulamento para aclarar que o certificado verde dixital non afectaría ao dereito dos traballadores transfronteirizos a desprazarse liremente entre o seu fogar e o seu lugar de traballo durante a pandemia.

Compromiso das rexións cos novos obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión social

Neste pleno, o CdR aprobou 13 ditames de opinión sobre diferentes políticas da UE que están sobre a mesa. Entre eles, o relativo ao novo plan de acción do chamado “piar europeo de dereitos sociais”, ao que Galicia propuxo dúas emendas. Precisamente hoxe, a Presidencia portuguesa da UE celebra un Cumio Social en Oporto no que os líderes europeos van subscribir este plan de acción que traslada a medidas concretas o compromiso adquirido en 2017 para mellorar os sistemas nacionais de protección social e os mercados laborais. O novo plan actualiza os obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión de cara o ano 2030: un 78% de taxa de emprego, a participación do 60% dos adultos en actividades de formación e a diminución do número de persoas en risco de pobreza ou exclusión en polo menos 15 millóns.

R., 2021-05-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES