Noticias

O Sergas fixa como obxectivo acadar o 60% de asistencia presencial nos centros de saúde

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, do obxectivo fixado polo Servizo Galego de Saúde, de acadar durante o ano 2021, o 60% de consultas presenciais nos seus centros de Atención Primaria. O titular de Sanidade subliñou que o departamento que dirixe “segue a traballar para acadar unha elevada porcentaxe de presencialidade”, apuntando ademais que, esta modalidade, tamén “se compatibilizará coa atención non presencial”, naqueles casos en que non sexa imprescindible acudir aos centros sanitarios.

Durante a súa intervención, tamén anunciou que o Consello da Xunta aprobará, na xornada de mañá, a creación da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, un novo departamento que traballará na planificación futura da Sanidade, e dun xeito especial, sobre o ámbito asistencial da Atención Primaria.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta puxo en valor o sistema sanitario integrado co que conta a comunidade galega, salientando que, cada vez son máis as comunidades autónomas que avanzan cara un modelo de xestión semellante ao de Galicia. Neste sentido, remarcou a posta en marcha do “Plan galego de Atención Primaria 2019-2021”, unha folla de ruta que responde “á necesidade de modificar as formas de traballo e de organización”, así como avanzar na “mellora e optimización dos recursos”.

Sobre o Plan, García Comesaña remarcou que das 200 accións prioritarias que incorporaba o documento, “xa se remataron o 96% das accións fixadas a curto prazo”, e “o 88% das proxectadas a medio prazo, xa están iniciadas”.

Co obxectivo de fortalecer a Atención Primaria, o conselleiro lembrou que este Plan foi dotado cun investimento de 8,6 millóns de euros para mellorar o equipamento dos centros de saúde e, no que atinxe aos recursos humanos, o departamento sanitario do Executivo galego “acadou a cobertura do 100% das 45 prazas creadas no 2019; o 80% das 102 prazas creadas no 2020, ademais de avanzar na próxima cobertura das 161 novas prazas fixadas para este ano”.

Entre as iniciativas deseñadas para desenvolver a Atención Primaria en Galicia, García Comesaña tamén destacou o documento “Por unha Primaria vertebradora do Sistema de Saúde”, no que se avoga por dotar dunha maior autonomía aos centros, ao tempo que se aposta por innovar e xestionar os recursos humanos a nivel local. Ademais, explicou que o Servizo Galego de Saúde está a analizar os futuros Plans de Saúde Locais, nos que se potenciarán as figuras dos xefes e coordinadores de servizo, e nos que cadanseu proxecto deberá adaptarse, dun xeito específico, ás necesidade do seu territorio.

Por último, García Comesaña, pechou a súa intervención expoñendo que a Consellería de Sanidade “tamén está a traballar en mellorar a atención non presencial”, enumerando, entre as ferramentas empregadas para conseguilo: a implantación das videoconsultas, a posta en marcha da nova aplicación Sergas Móbil ou o novo sistema informático CRM que permitirá xestionar dun xeito máis áxil, as interaccións cos pacientes.

R., 2021-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES