Noticias

A Xunta critica a discrecionalidade do Goberno central no reparto dos fondos para loitar contra a pandemia e denuncia que Galicia tería que recibir 660 millóns máis

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, criticou hoxe a discrecionalidade do Goberno central no reparto dos fondos para loitar contra a pandemia e denunciou que Galicia tería que recibir 660 millóns de euros máis dos que leva percibidos. E neste sentido, pediu o apoio de todos os grupos parlamentarios da Cámara para demandar que nos recursos vinculados ao Plan Nacional de Recuperación, Transición y Resiliencia “se corrixa esta discriminación a Galicia”.

Valeriano Martínez compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para informar sobre o avance do resultado do peche do ano 2020 e do gasto ocasionado pola pandemia do coronavirus nese exercicio.

Durante a súa intervención, o conselleiro explicou que os recursos procedentes da Unión Europea son unha peza fundamental “e unha oportunidade se realmente o Executivo central conta coas comunidades autónomas e permite o acceso a eses fondos en igualdade de condicións, pero non todas as comunidades están sendo tratadas por igual”, apuntou.

Así, apelou á necesidade dunha cogobernanza real entre o Goberno de España e as CC.AA. e lamentou que o Goberno central “leve moitos meses prexudicando a Galicia no reparto de todos os fondos que se habilitan para a loita contra a
pandemia”.

Gasto extraordinario derivado do covid

Durante a súa exposición, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez explicou que a pandemia supuxo no 2020 un gasto extraordinario para a Xunta de 629 millóns de euros, cun esforzo adicional para a Administración Autonómica de 90 millóns, xa que tivo que gastar esa cantidade por riba dos recursos recibidos.

En canto aos desglose por áreas, destes 629 millóns de euros, 270,3 millóns –a maior parte- destináronse á Sanidade; 115,8 millóns a Educación; 70,2 millóns de euros foron para o reforzo das políticas sociais; e finalmente, 53,7 millóns destináronse a emprego.

O 2020 foi un ano excepcional no que o Executivo galego tivo que tomar medidas orzamentarias extraordinarias cunha triple prioridade: a sanitaria, a económica e a social. Neste sentido, xa no mes de marzo aprobou un Plan de Tesourería con 1.800 millóns de euros para dotar de liquidez a tesourería da comunidade e axudar ás familias e empresas; creou un Fondo Covid-19 para poder financiar os gastos adicionais vinculados á pandemia no SERGAS e nos servicios sociais; e aprobou un Plan de reactivación e dinamización para mobilizar máis de 3.000 millóns.

A isto hai que engadir que de maneira inmediata, o Goberno galego decidiu suspender os prazos das autoliquidacións dos impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, dos impostos de Sucesións e Doazóns e dos tributos do Xogo porque segundo apuntou o conselleiro, “cunha caída de ingresos tan extraordinaria tiñamos a responsabilidade de proporcionar á cidadanía facilidades para cumprir as súas obrigas e optamos por diferir os pagos tributarios”.

Líderes en esforzo investidor e pago a provedores

Valeriano Martínez subliñou que nun ano excepcional, Galicia mantivo as súas fortalezas habituais e sinalou que “no 2020 liderou o esforzo investidor de toda España, encabezamos o gasto que crea riqueza para as empresas e para as familias galegas”. De feito, foi a Comunidade Autónoma con maior peso dos investimentos sobre o total do gasto non financeiro, cun 13,5%, case o dobre que a media, que foi do 7,2%.

Por outra banda, a Xunta foi un ano máis, a administración autonómica más áxil no pagamento aos seus provedores. Galicia pagou nunha media de 18,7 días –a metade de tempo que o conxunto de comunidades- aos seus máis de 14.800 provedores. Nun ano con moitas dificultades de liquidez para as empresas, o importe pagado pola Xunta acadou os 3.380 millóns de euros nun total de 606.827 facturas.

Control do déficit e da débeda

O conselleiro explicou tamén que no 2020, ano no que se suspenderon as regras fiscais, Galicia pechou o ano cun déficit do 0,1% do PIB. O Goberno galego gastou todo o necesario para atender todo o relativo á pandemia e ao mesmo tempo controlou o déficit e a débeda.

Ademais, a comunidade pechou o 2020 cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2 puntos, o máximo da serie histórica, segundo os datos publicados polo Banco de España, e foi a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento, cun 19,9% de ratio débeda/PIB, fronte ao 27,1% da media das CC.AA. “E isto tradúcese en beneficios para os cidadáns, xa que cada galego e cada galega deben 2.160 euros menos que media de cidadáns do resto de CC.AA.”, apuntou.

Finalmente, Valeriano Martínez subliñou que en todo momento, a tres prioridades do Goberno galego foron combater a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos.

R., 2021-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES