Noticias

O conselleiro de Sanidade destaca que a situación epidemiolóxica da covid en Galicia continúa a ser estable

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou “a situación estable” que está a ter a nosa comunidade no que respecta aos datos da covid, cun lixeiro incremento dos casos activos. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, remarcou que a campaña de vacinación “segue a bo ritmo”, o que marca a chegada de vacinas, e animou á cidadanía a que se vacine e que acudan aos cribados, cando sexan citados polo Servizo Galego de Saúde. Subliñou , así mesmo, a boa nova das residencias, onde xa non hai contaxiados, nin residentes nin traballadores.

Destacou, así mesmo, a chegada de novas vacinas, e dixo que da nova vacina existente no mercado, a de Janssen, está previsto que hoxe cheguen un total de 8.350 doses, que serán destinadas aos pacientes que están en domicilio.

O conselleiro anunciou, tamén, novos cambios nos aforos dalgunhas instalacións, consecuencia da nova situación epidemiolóxica, que permite unha apertura gradual e pausada. Así, os mercados de menos de 150 postos autorizados, poden colocar o 100%; entre 150 e 250 postos poden colocar o 75%, e máis de 250 postos, poden colocar o 50%. Os congresos tamén aumentan os aforos, que pasan no interior a 500 (antes 300); mantendo 1.000 no exterior, pero coa posibilidade de aumentar con informe de saúde pública. Nas feiras de atraccións, os aforos sitúanse no 50% sentados e 30% en movemento.

Taxa de positividade estable

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Flores, tamén destacou a situación epidemolóxica estable, cun moi lixeiro ascenso nas tres últimas semanas. Sinalou que a incidencia acumulada a 7 días en Galicia é de 44,9 casos (107 media do Estado), e a 14 días é de 90,3 (230 media do Estado). Remarcou, así mesmo, que 135 concellos non declararon ningún caso en Galicia nos últimos 14 días, e 175 concellos nos últimos 7 días.

A taxa de positividade en Galicia sitúase estable, en 2,94%, por baixo, pois, do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde.

Tamén destacou a directora xeral que entre os días 10 e 16 do presente mes, Galicia realizou 62.000 probas diagnósticas, o que a sitúan entre as comunidades que máis fai en todo o Estado.

O xerente do Sergas, José Flores Arias, falou de optimismo respecto do grao de ocupación nos centros sanitarios, remarcando que seguen os cribados nos lugares de maior incidencia da covid. A ocupación de camas por pacientes covid en unidades convencionais de hospitalización é de 2,17%, e a ocupación nas unidades de críticos sitúase no 7,5%.

Pola súa parte, o doutor Vázquez Lima, membro do comité clínico, destacou que Galicia está nun momento de calma, con algunhas zonas onde hai que extremar as medidas. Fixo, así mesmo, un chamamento a fuxir dos interiores cando sexa posible, e facer as actividades que se poidan ao aire libre. Ao igual que o conselleiro, o doutor Vázquez Lima chamou á cidadanía a que acuda a vacinarse cando sexa citado.

Restricións por concellos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou, na súa reunión de onte, o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos do Grove, A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras, e Cualedro.

Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira, e Cambre.

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Vigo, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes de García Rodríguez, e Ortigueira.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro venres, 23 de abril.

R., 2021-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (cine-sala.jpg) As oito curtametraxes finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo volven percorrer Galicia como parte do Ciclo de Mestre Mateo Galicia Calidade en virtude da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual para contribuír á difusión da produción galega neste formato. Deste xeito, as oito pezas de ficción e animación que chegaron á última fase dos galardóns visitarán este ano 26 concellos galegos combinadas en dúas sesións de catro curtas segundo se trate de obras en imaxe real ou de animación. A iniciativa, que pasou xa polos municipios de Cea e Vilalba, continuará este mes coas vindeiras proxeccións en Meira (15 de xullo) e Ribadavia (28 de xullo) como parte da campaña de verán da 'Para gustos, cultura'.
Foto de la tercera plana (20260710-xunta.jpeg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que Galicia será a Capital iberoamericana da gastronomía saudable entre este ano e 2027, o que servirá para potenciar a cociña galega como un dos piares da actividade turística, da proxección exterior e da identidade propia da comunidade autónoma. O titular do executivo autonómico asinou un convenio de colaboración neste sentido co presidente da Academia Iberoamericana de Gastronomía, Rafael Ansón. Durante o tempo que dure a capitalidade, organizaranse diversos tipos de actividades como campañas de difusión, elaboraranse materiais como recetarios ou revistas, así como tamén se celebrarán concursos e congresos.

Notas

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira puxo este domingo o broche final a unha edición histórica que destacou pola calidade artística, a participación e a dimensión alcanzada por un evento que, durante cinco xornadas, converteu a vila no gran punto de encontro das culturas atlánticas. A edición de 2026 pasará á historia como a de maior concentración de actividades programadas por día desde a creación do Festival.
O catedrático emérito de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Antón Santamarina Fernández é o gañador do Premio Porteiro Garea na súa novena edición. Reunido o pasado 9 de xullo, o xurado decidiu por unanimidade concederlle o premio a 'unha das figuras máis destacadas da lingüística galega contemporánea que xogou un papel esencial no coñecemento do estado da lingua galega e das súas variantes, e tamén no establecemento da súa forma culta actual'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES