Noticias

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e incluído na lista internacional Ramsar de humidais de importancia internacional

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia entra na Lista Ramsar, a Listaxe de humidais de importancia internacional. A Xunta de Galicia, polo tanto, celebra que a súa proposta de inclusión acabe de ser ratificada esta mañá por parte do Consello de Ministros na súa reunión semanal. O Parque Nacional cumpre con varios criterios que se fixan para a identificación deste espazo como humidal de importancia internacional, como é o feito de ser un exemplo representativo, raro e único, grazas á extensa rede de furnas mariñas que se localizan nas illas Cíes e Ons.

Asemade, a gran espectacularidade paisaxística, descrita como un paisaxe de mar e pedra, defíneo como un espazo excepcional cun elevado valor faunístico e florístico, no que está confirmada a presenza de case 1.500 taxóns: 416 de flora, dos que un 61% (254) son algas, e 1.076 de fauna, dos que un 79% (851) son invertebrados.

Tamén sustenta poboacións de especies vexetais e/ou animais importantes para manter a diversidade biolóxica, destacando unha particular abundancia de aves acuáticas e unha relevante diversidade de peixe, mariscos e outros invertebrados acuáticos.

O Parque Nacional, formado polas illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora, integra unha variada vexetación, coa presenza dun mínimo de 7 especies de flora vascular asociadas a humidais ameazados e 34 endemismos, algúns exclusivos.

Este espazo tamén destaca pola súa fauna, onde se constata a presenza de 52 especies (48 vertebrados e 4 invertebrados), salientando os grupos de peixes e de aves. Así, o humidal proposto pola Xunta alberga de xeito regular un 1% dos individuos dunha especie en dous casos: a gaivota patiamarela (Larus michahellis) e o cormorán moñudo (Phalacrocorax aristolelis).

O Parque, que ten unha superficie de 8.480 hectáreas -das cales un 86% se corresponden con superficie mariña-, é tamén unha Área protexida do Convenio para a protección do medio ambiente mariño do Atlántico Nordeste (Ospar) e espazo Rede Natura 2000.

Na actualidade, a Lista Ramsar inclúe máis de 2.000 humidais de todas as rexións do mundo e que suman unha superficie de máis de 200.000.000 hectáreas. A Lista Ramsar é unha inventario de prestixio, xa que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo desde o punto de vista do seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.

Axudas para a conservación do Parque Nacional

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións públicas, con cargo aos orzamentos xerais do Estado, para a área de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, por un importe de case 150.000 euros para o ano 2021.

Coa convocatoria destas axudas quere contribuírse ao desenvolvemento socioeconómico da poboación sita no ámbito de influencia do Parque, co fin de equilibrar os usos e actividades permitidos e o crecemento económico da zona de influencia socioeconómica, sen perder un ápice dos obxectivos de conservación.

Os beneficiarios destas subvencións son as entidades locais, as entidades empresariais e as persoas particulares e asociacións sen fin de lucro que se localicen nos catro concellos da área de influencia. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, a contar a partir de mañá.

R., 2021-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES