Noticias

Galicia avaliará o impacto do Brexit na súa frota pola posible perda de posibilidades de intercambio de cotas con outros países

Reuniuse o grupo de traballo sobre o brexit creado no marco do Consello Galego de Pesca e no que se definiron as liñas de traballo máis inmediatas na defensa do sector unha vez que o Reino Unido abandonou a Unión Europea. A primeira delas será a elaboración dun informe sobre o impacto económico da posible perda de intercambios de cota cos países máis afectados neste acordo pola entrega do 25% das posibilidades de pesca europeas ao Reino Unido a cambio do acceso a augas británicas durante só cinco anos e medio.

O obxectivo deste informe é coñecer os efectos negativos indirectos que pode ter o acordo do brexit na frota por esta circunstancia de cara a tela en conta no traballo futuro. De feito, este documento é fundamental tendo que conta que Galicia defende a necesidade de que no fondo de axuste do brexit se inclúan tamén compensacións para os efectos indirectos na pesca incorporando aspectos como o impacto en augas de terceiros países ou internacionais así como a menor rendibilidade polas dificultades para xerar intercambios.

O grupo de traballo sobre o brexit do Consello Galego de Pesca tamén acordou preparar un informe que avalíe os aspectos sociais e económicos da frota que faena en augas compartidas co Reino Unido de cara á determinación dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de 2022. O obxectivo é que estes aspectos sexan tidos en conta, xunto cos medioambientais, na fixación das posibilidades de pesca tal e como establece a Política Pesqueira Común (PPC).

Os integrantes do grupo de traballo tamén constataron a necesidade de que a frota europea afectada polo brexit se manteña unida na defensa dos seus intereses polo que apostaron pola elaboración, en colaboración coa Alianza Pesqueira Europea (EUFA), dunha terceira carta de apoio á frota europea. Esta terceira Declaración de Santiago -que se sumaría ás asinadas en outubro de 2017 e xuño de 2020 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo- contribuiría a mostrar a unidade de acción das rexións pesqueiras europeas nas negociacións posbrexit.

Nesta mesma liña, o Consello Galego de Pesca aposta pola celebración de encontros con outras rexións costeiras atlánticas con intereses coincidentes con Galicia, como poden ser as francesas ou irlandesas, para analizar vías de colaboración que poden ser claves na negociación tralo período transitorio do brexit, máis aló de 2026.

Institucións europeas

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén deu conta nesta xuntanza das reunións mantidas por videoconferencia nas últimas semanas tanto coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, como co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, aos que trasladou a postura de Galicia en relación coa situación derivada do brexit, a negociación das posibilidades de captura en augas compartidas e o fondo de axuste do brexit, entre outras cuestións.

Rosa Quintana detallou ademais os contactos mantidos con deputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo para dar a coñecer a postura de Galicia no relativo ao fondo de axuste do brexit, unhas demandas que tamén foron trasladadas ao Grupo de Cohesión da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas.

A comunidade galega defende a necesidade de que no fondo de axuste do brexit se inclúan tamén os impactos indirectos, como a dificultade para xerar intercambios, así como a ampliación dos recursos deste fondo -dos 600 aos 1.000 millóns de euros- permitindo a incorporación de fondos non empregados do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que a súa vixencia chegue, como mínimo, ata 2026. Unhas demandas que serán expostas tamén proximamente no seo da Comisión do Arco Atlántico.

R., 2021-04-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES