Noticias

Este ano ofertaranse nas distintas OPE de Sanidade, Administración Xeral e Educación máis de 4.300 prazas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a activación este ano de distintas Ofertas de Emprego Público para ofertar máis de 4.300 prazas, das que 1.215 serán do eido sanitario, 1.491 pertencerán á Administración xeral e 1.604 á educación. Máis polo miúdo, Feijóo detallou que, no eido sanitario, aprobouse o decreto de convocatoria que volverá a esgotar a taxa máxima de reposición autorizada polo Estado (110%). 'Queremos emprego estable, diminuír a concatenación de contratos e dar un maior emprego con vocación de permanencia porque melloramos o servizo público, por tanto, nos gustaría sacar mais prazas, pero sacamos as que estamos habilitados para sacar', incidiu.

Do total de 1.215 prazas do eido sanitario, 1.203 corresponden a persoal estatutario do Sergas: 65 son de persoal licenciado sanitario, das que 60 son de médico de familia; 686 atinxen a persoal sanitario diplomado, das que 604 son de enfermaría; e 452 serán para persoal de xestión e servizos. Reservaranse tamén dese total de prazas, puntualizou, 61 prazas para persoas con discapacidade física e 25 para persoas con discapacidade intelectual. As restantes 12 prazas corresponden á OPE de persoal sanitario funcionario.

“Desde o ano 2012 levamos ofertadas 8.112 prazas no ámbito do Servizo Galego de Saúde, todas as que legalmente nos deixan”, dixo, durante a rolda de prensa do Consello.

Por outra banda, no ámbito da Administración xeral, o decreto de convocatoria de OPE, que tivo o visto bo de UXT e CC.OO, ascende a 1.491 prazas. Delas, 1.006 son de libre acceso, ás que poderá acceder pola vía do concurso-oposición calquera persoa que cumpra os requisitos, e dentro destas, 155 son para o Consorcio Galego de Benestar. Ademais, hai 322 prazas para os procesos de promoción interna dos empregados públicos que se levarán a cabo en convocatorias independentes das de novo ingreso e se desenvolverán tamén a través do sistema de concurso-oposición. Finalmente, ofertaranse 163 prazas para continuar coa funcionarización voluntaria do persoal laboral fixo estas probas non terán carácter competitivo. Neste caso tamén se esgotará a taxa de reposición imposta polo Goberno central.

Por último, Feijóo salientou que o decreto da OPE de educación aprobarase nos vindeiros consellos cunha convocatoria que prevé incluír 1.604 prazas a falta da súa previa aprobación na mesa sectorial. Estas probas, explicou, realizaranse no ano 2022, posto que este ano terán lugar as aprazadas pola pandemia. ”Sumando estas prazas en dous anos no ámbito educativo sacamos 5.258, polo tanto seguimos sendo a Comunidade autónoma con menor porcentaxe de interinos no sector docente”.

En definitiva, “imos abrir a Administración a novos folgos, a novas enerxías e a persoal máis novo”, concluíu.

R., 2021-04-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES