Noticias

A Xunta e o Goberno central colaborarán en materia cartográfica e xeográfica para garantir o acceso á información e uns criterios homoxéneos

A Xunta de Galicia e o Goberno central colaborarán en materia de cartografía e información xeográfica para canalizar a produción, mantemento e difusión do seu traballo relacionado con este ámbito. A tal fin, as dúas administracións acaban de asinar o correspondente convenio marco no que se recolle a integración da Comunidade galega no Sistema Cartográfico Nacional, ao tempo que se establece un espazo de colaboración entre ambas en materia de información xeográfica.Cómpre lembrar que Galicia se integrou por primeira vez no Sistema Cartográfico Nacional no ano 2010, mediante a subscrición do correspondente convenio.

Este instrumento constitúese como o marco de colaboración entre as comunidades autónomas e a Administración Xeral do Estado en materia de cartografía e información xeográfica.

O novo documento de adhesión foi asinado hai uns días pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ostenta as competencias en materia de información xerográfica a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), e polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cuxo subsecretario é o presidente do Consello Superior Xeográfico.

Entre os principais obxectivos dos traballos de produción, mantemento e difusión de información xeográfica nos que colaboren ambas administracións cómpre subliñar o de garantir a homoxeneidade de toda esta información para asegurar así a súa coherencia, continuidade e interoperabilidade con independencia de que institución a elabore.

Tamén se busca favorecer a eficiencia no gasto público destinado á cartografía e aos sistemas de información xeográfica, evitando a dispersión e a duplicidade dos recursos públicos utilizados e promovendo a cooperación entre institucións, asegurar a dispoñibilidade pública e a actualización da información xeográfica e cartográfica, así como garantir a calidade da produción oficial deste tipo de material e a súa utilidade como servizo público, facilitando o seu acceso.

Proxectos con moitas aplicacións

Entre os programas e plans elaborados baixo o marco do Sistema Cartográfico Nacional figuran proxectos tan empregados e con múltiples aplicacións prácticas como o PNOA, para a elaboración de ortofotografías aéreas de todo o territorio; o SIOSE, que elabora desde 2005 a cartografía de coberturas e usos do solo; ou os traballos de Información Xeográfica de Referencia, que permiten a harmonización da información correspondente á rede hidrográfica, ás poboacións e ás redes de transportes.

Todo isto se trata dunha información fundamental para a xestión dos territorios e a toma de decisións por parte dos distintos departamentos da Xunta de Galicia.

Ademais, a través do Sistema Cartográfico Nacional coordínanse proxectos transversais como a Infraestrutura de Información Xeográfica, o Rexistro Cartográfico e o Equipamento Xeográfico de Referencia. A colaboración institucional entre o Estado e as comunidades autónomas permite afrontar estes grandes proxectos cunha metodoloxía común, un orzamento axustado a cada administración e unha política de difusión de datos consensuada.

R., 2021-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES