
Como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, este Plan será unha útil ferramenta que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos. Román Rodríguez sinalou como punto de partida a Catedral de Santiago onde, grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, reestreouse este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea.
Seguirémola coidando -afirmou Román Rodríguez-, pero agora queremos centrar tamén as nosas actuacións no resto de catedrais galegas poñendo outro horizonte temporal, o Ano Santo 2027 para seguir recuperando o noso patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago.
O Plan Catedrais está neste momento en elaboración, en diálogo coas distintas dioceses, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente aos templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional. Trátase dunha actuación que beneficiará ás catro provincias e que actuará en bens que suman máis de 4.500 anos de historia, todas elas está vinculadas ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.
Máis de 1M no Camiño do Norte
Unha das catedrais incluídas neste plan é a de Mondoñedo que o conselleiro visitou hoxe e onde anunciou a licitación da restauración das pinturas murais, por máis de 300.000 euros. Trátase dunhas actuacións para seguir revalorizando un dos máis destacados Ben de Interese Cultural de Galicia e unha das xoias do Camiño do Norte.
Un templo, ademais, no que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 1,1M para a restauración da súa cuberta e da Casa dos Coengos, actuacións ás que os actuais traballos darán continuidade, resolvendo as importantes patoloxías nas pinturas debido ás humidades. O proxecto, cofinanciado con fondos FEDER, permitirá resolver os danos na policromía barroca, a pintura mural da nave e o retablo do altar maior.
Por iso, faranse traballos de limpeza superficial, protección das zonas en perigo de desprendemento, consolidación de morteiros, fixación da policromía, reintegración e limpeza cromática, entre outras. Para poder desenvolver os traballos asinouse un convenio de colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para a conservación de varios inmobles eclesiásticos.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.