Noticias

Un alumno das universidades galegas aforra entre 308 e 1.150 € na matrícula respecto da media nacional

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reafirmou na Conferencia General de Política Universitaria que Galicia continuará sendo a Comunidade Autónoma cos prezos públicos medios de matrícula universitaria máis baixos de España. Galicia cumpre xa cos novos requerimentos que o Ministerio de Universidades propón para os prezos de matrícula dos máster habilitantes, en concreto establecer co horizonte do curso 2022/2023 un prezo máximo en referencia ao prezo de matrícula de grao. A nosa comunidade equiparou no ano 2018 os prezos de máster habilitante aos de grao e no 2020 equiparou as taxas dos máster non habilitantes.

Isto, combinado co feito de que a Xunta leva unha década conxelando as taxas das titulacións de grao, converte o Sistema Universitario de Galicia (SUG) no máis asequible de toda España para os estudantes.

Román Rodríguez celebrou que o Ministerio de Universidades siga o exemplo de Galicia na súa política de prezos de matrícula e salientou a importancia que esta liña de actuación ten para que todos os estudantes poidan acceder ao ensino universitario en igualdade de condicións. “Galicia ten neste momento a universidade máis accesible”, afirmou.

A este respecto recordou que un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 308,40 euros ao curso en matrículas. No caso dos que cursan máster habilitantes, o aforro medio por estudante en comparación coa media de España é de 660 € por curso; mentres que no de máster non habilitante o aforro con respecto á media de España elévase a 1.150,20 €/curso e por estudante.

Fondos europeos

O conselleiro de Educación pediu ao ministro de Universidades un plan estatal, coordinado polo Ministerio e coa participación das comunidades autónomas e as universidades, “en aras dunha cogobernanza real”, para investir parte dos fondos europeos na rehabilitación enerxética do parque de edificios universitarios.

Román Rodríguez explicou a importancia de reflexionar sobre o uso equilibrado destes fondos europeos, de tal forma que non consoliden un gasto corrente que acabe por lastrar ás administracións autonómicas e universitarias cando estes fondos adicionais desaparezan.

A este respecto, salientou que destinar este orzamento a obras de rehabilitación enerxética permitiría a redución de gasto medioambiental, o que constituiría un exemplo desde a Administración pública, ao tempo que se diminuirían os custos de mantemento e de consumo enerxético das facultades

“É moi importante buscar fórmulas de cogobernanza e liñas de traballo que posibiliten xestionar dun modo racional os fondos europeos”, incidiu, solicitando ao ministro unha liña de traballo para “entre todos, deseñar un plan de eficiencia enerxética para as universidades”, que xeraría ademais unha intensa actividade económica en materia de man de obra e novas tecnoloxías para adaptar os edificios aos novos parámetros.

R., 2021-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES