
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participaron hoxe na presentación do percorrido pola xeografía galega das 3 últimas etapas de La Vuelta 21, a proba raíña do ciclismo en España, que nesta edición coincidindo co Xacobeo rematará na praza do Obradoiro.
O vicepresidente primeiro destacou a importancia desta competición como escaparate turístico para promocionar o turismo galego e o Camiño de Santiago en todo o mundo debido ao seu impacto mediático. Así, incidiu en que as tres etapas da proba ciclista que acollerá Galicia do 3 ao 5 de setembro permitirán amosar a comunidade en todo o seu esplendor a través das paisaxes da Ribeira Sacra ou as Rías Baixas atravesando tamén lugares de paso das distintas rutas xacobeas e confluíndo no último tramo ata chegar a Santiago de Compostela.
Alfonso Rueda incidiu en que Galicia ofrece todo o que demandan os turistas na actualidade: un turismo tranquilo en espazos abertos e non masificados en contacto coa natureza como os escenarios de La Vuelta 21, que converten a Galicia nun destino, seguro sostible e de calidade e fan que quen visita a comunidade repita. Deste xeito, sinalou que estes valores que identifican o modelo turístico de Galicia e tamén ao Camiño de Santiago se engloban no concepto Galicia Calidade e son os que promocionan os que turistas que visitan a comunidade converténdose nos mellores embaixadores deste destino.
Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte destacou a importancia do ciclismo xa que segundo os últimos datos esgrimidos pola Real Federación Española de Ciclismo, 21 millóns de persoas en España teñen unha bicicleta na súa casa e úsana, mentres que o 90% dos españois saben montar en bicicleta. Tras destacar a importancia do ciclismo na consecución de obxectivos primordiais para o deporte galego como a igualdade e a inclusión, salientou o seu papel na pandemia xa que é unha actividade que achega mobilidade, práctica deportiva ao aire libre e sen aglomeracións e respecto ao medio ambiente.
Nesta edición de 2021 a proba atravesará na súa antepenúltima etapa o 3 de setembro os concellos de Monforte, Lugo e Sarria para continuar polas Rías Baixas desde Sanxenxo a Mos pasando por Pontevedra, Redondela, O Porriño e Baiona deixando para a contrarreloxo individual do domingo 5 de setembro o tramo de Padrón a Santiago de Compostela, para chegar como tódolos peregrinos á porta da Catedral compostelá.
Por iso, no acto de hoxe tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago de Compostela, Padrón, Sanxenxo, Mos, e Monforte de Lemos, municipios de saída e chegada das tres etapas pola comunidade. Ao acto tamén acudiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.