Noticias

Galicia demanda a Bruxelas melloras na proposta de cotas das especies da frota galega en augas compartidas co Reino Unido

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participa no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, ao que asiste en representación das comunidades autónomas españolas xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, e no que demandou a mellora das propostas de cotas realizadas pola Comisión Europea nas principais especies da frota galega en augas compartidas co Reino Unido. O Executivo comunitario fixo unha proposta provisional de Totais Admisibles de Capturas e cotas que suporía establecer ata o 31 de xullo a parte proporcional sobre o total anual das posibilidades de pesca recomendadas polos científicos do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM).

Esa proposta implicaría importantes rebaixas nas cotas de especies como a pescada en Gran Sol e Francia, cun descenso combinado do 13%, o rapante en Gran Sol (-6%) ou o peixe sapo en augas de Escocia, cun recorte do 30%. Mentres, as subas máis relevantes afectan ao peixe sapo en augas de Francia (+18%) e en Gran Sol (+8%).

Galicia entende que o bo estado dos recursos permitiría manter ou incrementar as posibilidades de captura destas especies, polo que defende a mellora das propostas da Comisión Europea e lembra a importancia de ter en conta na xestión das pesqueiras non só os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais. Esa mellora contribuiría a paliar parcialmente o impacto do acordo sobre o brexit na frota europea, que viu como perdía o 25% das súas cotas ata 2026 a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio, o que complica a obtención de cotas adicionais de distintas especies mediante intercambios con outros países.

A comunidade galega defende tanto para a pescada do norte como para o rapante o mantemento ou incluso o incremento do TAC tendo en conta cuestións relativas á mellora da biomasa segundo reflicten os propios datos científicos. En canto ao peixe sapo, a Xunta avoga por un aumento da cota superior ao que aconsella o ICES, tendo en conta o bo comportamento da biomasa e o alcance e mantemento en anos pasados do Rendemento Máximo Sustentable, é dicir, o nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes sen prexudicar o stock.

Augas profundas e especies secundarias

En relación ás especies de augas profundas, como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, adoitan ser accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.

A conselleira do Mar tamén lembrou a importancia de manter a bolsa de especies accesorias -aquelas de escasa relevancia de captura, con pouca cota e que se extraen xunto ás especies principais- entre os países membros para evitar que funcionen como especies de estrangulamento impedindo o normal desenvolvemento da actividade da frota.

En canto ás cotas de bacallau e ás relacións en materia pesqueira entre a Unión Europea e Noruega, a titular de Mar subliñou que o incumprimento por parte do Goberno noruegués do acordo de París de 1920 sobre o caladoiro de Svalbard suporía a perda de cotas de captura para a frota española e portuguesa. Ante esta situación, avogou porque as partes cumpran o asinado e Bruxelas faga o que sexa necesario para que o sector poida manter a súa actividade nas mesmas condicións que nos últimos anos.

O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, no que Galicia volve a acompañar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en representación das comunidades autónomas españolas, celébrase entre hoxe e mañá de xeito presencial por decisión da Presidencia portuguesa da Unión Europea e nel preténdense fixar as posibilidades de pesca ata finais de xullo deste ano en augas compartidas co Reino Unido. O obxectivo é que a frota poida seguir desenvolvendo a súa actividade con normalidade á espera de acadar un acordo definitivo co Reino Unido.

R., 2021-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES