Noticias

O número de alumnos da ESO que empregan o libro dixital en Galicia duplicarase o próximo curso

A Xunta prevé duplicar o número de alumnos de ESO que emprega libro dixital o próximo curso. Anunciouno hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na rolda de prensa de presentación da nova convocatoria de E-Dixgal para o vindeiro ano académico, na que tomou tamén parte a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira. O titular do departamento educativo da Xunta explicou que a principal novidade da convocatoria para o curso 2021/2022 é a extensión do proxecto aos cursos de 3 e 4º de ESO (ata o momento só se aplica a 5º e 6º de Primaria e a 1 e 2º de ESO).

Isto realizarase de forma automática, se así o desexan, aos centros que xa contan con libro dixital nesta etapa “e que nun só curso dobrarán o número de alumnos beneficiados”, sinalou o conselleiro.

Así mesmo, o próximo curso poderán incorporarse un mínimo de 75 novos centros, tanto aqueles que queiran empezar desde cero como outros que xa estean empregando o libro dixital e desexen amplialo a outra etapa educativa. No caso dos que se sumen ao proxecto na etapa de Secundaria, terán o compromiso de ir estendéndoo progresivamente ata completar os catro cursos.

Román Rodríguez explicou que, a día de hoxe, participan no E-Dixgal a metade dos centros públicos que imparten Primaria e Secundaria. “Coas novas medidas desta convocatoria –afirmou– queremos que o próximo curso a metade do alumnado entre 5º de Primaria e 4º de ESO dos centros públicos conte con libro dixital e equipamento informático ao abeiro deste programa”.

Así mesmo, o conselleiro salientou que con estas novidades se ofrece, por primeira vez, a posibilidade de que un alumno galego estude con libro dixital durante seis cursos consecutivos.

Edudixital 2030

Román Rodríguez enmarcou esta medida “no pulo que imos dar á dixitalización e a dotación tecnolóxica do ensino coa nova estratexia Edudixital 2030”, unha folla de ruta que vai integrar equipamentos, contidos e adquisición de competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), e que incorporará a Intelixencia Artificial para todos os niveis educativos, así como o deseño de estratexias docentes ou a introdución de novas técnicas pedagóxicas. “En definitiva, un salto cualitativo na transformación do ensino cara o dixital”, resumiu o conselleiro.

Cinco piares fundamentais

Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, destacou que o proceso de transformación dixital do ámbito educativo susténtase en cinco piares fundamentais.

En primeiro lugar, as infraestrutura e equipamentos necesarios no centros. Por outra banda, referiuse ao desenvolvemento de plataformas e ferramentas de colaboración educativa. En terceiro lugar, a dotación de contidos dixitais, mediante acordos con empresas especializadas e editoriais. Neste aspecto, a directora da AMTEGA salientou o desenvolvemento de contidos innovadores específicos no espazo Dixit. Este proxecto lévase a cabo nun esquema de colaboración entre o sector tecnolóxico e grupos de traballo formados por docentes de Galicia. En cuarto lugar estaría o soporte técnico a docentes e alumnos. O último piar do é a formación do profesorado, que terá un novo pulo no desenvolvemento do marco galego de competencias dixitais.

Mar Pereira lembrou que a Xunta ten como obxectivo para a extensión do Libro Dixital (E-Dixgal) nos vindeiros tres anos chegar ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4 da ESO.

R., 2021-03-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES