Noticias

Feijóo anuncia novos pasos en ámbitos da hostalería, a mobilidade e as reunións de non conviventes de cara á unha desescalada gradual

Á vista dos datos epidemiolóxicos e unha vez analizados no comité clínico, o presidente do Goberno galego anunciou novos pasos en ámbitos como a hostalería, a mobilidade intermunicipal e as reunións de non conviventes, de cara á unha desescalada gradual, paulatina e baseada na evolución epidemiolóxica de cada territorio. Deste xeito, as medidas non serán homoxéneas en toda a Comunidade, 'senón que haberá varios niveis que se irán aplicando segundo a situación pandémica e hospitalaria de cada ámbito xeográfico', precisando que se dará moita máis importancia á incidencia acumulada a 7 días que a 14 días.

Nesta liña, referiuse primeiramente aos novos avances na apertura que afectarán a toda a Comunidade.

Así, no ámbito formativo, confirmou que, tal e como estaba previsto, as clases presenciais nas universidades retomaranse o vindeiro luns, 1 de marzo, “e durante esta semana, ofrecerase un cribado aos alumnos das facultades galegas, para garantir unha volta ás aulas o máis segura posible”, reiterou.

No tocante á actividade comercial, subliñou que a principal novidade é que a vindeira fin de semana poderán volver a abrir os centros comerciais.

“En definitiva, estamos a falar dunhas medidas no ámbito formativo e comercial que serán homoxéneas para toda Galicia, á vista da situación epidemiolóxica global”, insistiu, salientando que, en canto ao resto de cuestións, o comité ten decidido retomar os criterios xerais de apertura que xa se aplicaron no seu día, establecendo varios niveis en función da evolución epidemiolóxica, e tendo en conta varias variables obxectivas, como son a incidencia e a ocupación hospitalaria.

Primeiro nivel: concellos cunha incidencia de 500 casos por 100.000 habs. a 14 días

No tocante ao primeiro nivel, é dicir, os concellos cunha incidencia a 14 días superior aos 500 casos por 100.000 habitantes, Feijóo explicou que neles se manterán as restricións ata agora vixentes. Isto é: non se permitirá a mobilidade fóra do concello, salvo nas excepcións xustificadas; a hostalería seguirá pechada; e non poderá haber reunións de non conviventes.

Segundo nivel: concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por 100.000 habs.

En canto ao segundo nivel, correspondente aos concellos cunha incidencia entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días, o titular da Xunta subliñou que neles permitiranse as reunións de ata 4 persoas non conviventes; a hostalería poderá reabrir desde o próximo venres, pero só as terrazas -co 50% do aforo- e ata as 18,00 h. “E a mobilidade permitirase entre os concellos que teñan esta mesma incidencia”, recalcou.

A maiores, sitúanse neste nivel todos os concellos que conforman as áreas sanitarias da Coruña, de Ferrol e de Pontevedra, “nos que a baixada do número de pacientes na UCI aínda non se produciu coa intensidade suficiente”, recalcou. No caso destes concellos a mobilidade quedará limitada a aqueles concellos con incidencia menor de 500 que formen parte da mesma área sanitaria.

“Estamos a falar en total de 107 concellos nos que só pode haber terrazas, desde o punto de vista da hostalería, e reunións de ata catro non conviventes”, dixo, a modo de resumo.

Terceiro nivel: concellos cunha incidencia inferior a 250 casos por 100.000 habs.

No terceiro nivel, é dicir, aqueles concellos cunha incidencia inferior a 250 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días, inclúense as áreas sanitarias de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo. Neste caso, trátase de 189 concellos, que supoñen o 54% da poboación.

En todos eles permitiranse as reunións de non conviventes, ata un máximo de catro persoas; e pode abrir a hostalería coa limitación interior do 30% e do 50% nas terrazas, coas barras pechadas e ata as 18,00 h, como horario límite para o peche. “E tamén está permitida a mobilidade con aqueles concellos que se atopen no mesmo nivel”, engadiu.

Feijóo salientou que os concellos tanto do segundo como do terceiro nivel “tamén avanzan na desescalada no ámbito deportivo”. Así, desde este venres permitiranse aos grupos de ata 4 persoas non conviventes a práctica deportiva, sempre con máscara; e, ademais, poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas, sempre respectando aforos, distancias, medidas de prevención e co uso permanente da máscara.

O presidente do Goberno galego recordou tamén que a Xunta está a traballar co sector e coa Fegamp para poñer en marcha un Plan de hostalería segura, que permita ao sector reabrir coas máximas garantías de seguridade e minimizando o risco de que teñan que volver a pechar.

Por último, o responsable do Executivo galego afirmou que a Xunta levará a cabo un especial seguimento e incrementará os cribados na áreas de maior incidencia. E concluíu apelando á responsabilidade social e á cautela de todos, para seguir dando pasos “pouco a pouco” e seguir avanzando.

R., 2021-02-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES