
En definitiva, estamos a falar duns proxectos que suporán uns 17.000 novos postos de traballo, aseverou. Ao presidente o que lle pedín é obxectividade no reparto dos fondos, concorrencia competitiva nos proxectos e el aseguroume que vai haber esa concorrencia competitiva nos proxectos dos fondos Next Generation, sentenciou.
Se ben valorou a resposta da UE, a través dos fondos Next Generation, e do propio Goberno, cos complementos adicionais ao sistema de financiamento autonómico, Alberto Núñez Feijóo expuxo tamén o gran esforzo orzamentario que as comunidades están facendo ante a pandemia.
Ao respecto incidiu en que o diñeiro dos fondos ás comunidades se reparta cun criterio coñecido: Trasladei a necesidade de ponderar este reparto e de non romper o sistema de financiamento que temos, abundou, recordando, ademais, que moitas comunidades tivemos que denunciar o impago do IVE e tamén os incumprimentos dos convenios que tiñamos as que estabamos dentro da estabilidade orzamentaria.
Compromiso coa AP-9 e coa chegada do AVE
Durante a xuntanza, centrada especialmente na xestión da pandemia e nas súas consecuencias sociais e económicas, ambos abordaron outros asuntos prioritarios para Galicia.
Así, en materia de infraestruturas, Feijóo valorou o compromiso do presidente do Goberno coa AP-9, en relación coa baixada de peaxes con cargo a unha partida de 50 millóns de euros, incluída nos orzamentos do Estado.
E tamén plantexou o levantamento da peaxe entre Vigo e Redondela, comprometida desde fai moito tempo, lembrou, e insistiu na transferencia desta infraestrutura á comunidade autónoma. Ao respecto, o presidente do Goberno trasladoume que esa é unha unanimidade dos grupos parlamentarios e, polo tanto, entende que así debe facerse, matizou.
No tocante ao AVE a Madrid, Feijóo destacou o compromiso de Pedro Sánchez de que o AVE a Galicia estea en servizo no segundo semestre do 2021. E, a maiores, tamén abordaron a necesidade de levar a cabo o acceso ao porto exterior da Coruña e a saída Sur de Vigo, dúas infraestruturas estratéxicas para o Corredor Atlántico de mercadorías; así como de retomar o AVE Lugo-Ourense, que acumula grandes atrasos.
Reconsideración da taxa de reposición
Entre as cuestións relativas á pandemia, o responsable do Executivo galego propuxo que se valore e reconsidere a taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego, cando menos no ámbito sanitario. É o mínimo que podemos facer polos profesionais da saúde, engadiu, resaltando a disposición do presidente do Goberno de avaliar esta cuestión no ámbito do Consello Interterritorial.
Por outra banda, trasladou a posibilidade legal de ampliar o toque de queda naqueles concellos ou áreas de saúde cunha incidencia pandémica moi elevada. Incluso o confinamento domiciliario en concellos concretos, cunha incidencia do virus moi elevada debería ser un instrumento a disposición das autoridades delegadas, é dicir, dos presidentes autonómicos, precisou.
Así mesmo, avogou por un acordo no Consello Interterritorial para contar cun criterio homoxéneo sobre o uso das máscaras FFP2, ben sexa como recomendación ou excepcionalmente obrigatorio nalgúns casos concretos.
En relación ás vacinas, insistiu na importancia de concretar un calendario vacinal para toda España, así como en que o reparto das doses se estableza en función da poboación diana que corresponda en cada momento. E fixo fincapé na idoneidade de contar cunha Lei da pandemia.
Por outra banda, o titular da Xunta expresou o desexo de que a crise industrial que está a padecer Galicia, como consecuencia da transición enerxética, non a paguen os que non teñen ningunha responsabilidade. Así, avogou por buscar solucións para As Pontes; a venda de Alcoa a un novo dono que active a única planta de aluminio primario en España; solucionar o problema de Ence e manter a industria, porque non estamos no momento de destruír postos de traballo, dixo, referíndose tamén á situación de Meirama.
Estamos de acordo coa transición enerxética, pero ten que ser xusta e ordenada, engadiu, valorando a disposición do presidente do Goberno sobre estas cuestións.
Así mesmo, Feijóo pediu a implicación do Goberno coa comarca de Ferrolterra, ante a necesaria carga de traballo para o estaleiro de Navantia ata que comece a construción das fragatas F-110, co encargo dun buque de aprovisionamento; e a aprobación da construción do dique seco, para garantir a transformación a un estaleiro 4.0.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.