Noticias

Feijóo avanza o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, co obxectivo de mobilizar máis de 1.080 M€ e chegar a 70.000 familias

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, co obxectivo de mobilizar máis de 1.080 millóns de euros e chegar a 70.000 familias. Durante a sinatura, Feijóo aseverou que se dá así un paso adiante fundamental, consensuando as prioridades co sector e cos consumidores, dentro do Observatorio Galego de Vivenda. Estruturado en catro liñas estratéxicas e con preto de medio cento de accións que combinan medidas implantadas con 12 iniciativas novidosas, o titular da Xunta subliñou que para acadar todos os obxectivos prevese un investimento directo duns 433 millóns.

“É dicir, unha inxección importantísima de recursos dirixida a particulares e empresas coa que estimamos unha mobilización de 1.083 millóns de euros entre fondos públicos e privados”, reiterou, asegurando que, deste xeito, contribuirase a manter, aproximadamente, 30.000 postos de traballo e a reactivar a economía tras a incerteza e a actividade por mor da pandemia.

Un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas

Dentro da liña estratéxica por facer máis accesible a vivenda, Feijóo referiuse á posta en marcha de medidas para dar un novo impulso á adquisición de vivendas protexidas, mediante axudas de ata 20.000 euros para familias con ingresos inferiores a 4,5 veces o IPREM.

“Deste xeito, acadamos un dobre obxectivo: axudar, sobre todo aos mozos, a que poidan mercar unha vivenda e reactivar o sector da construción; e potenciar a promoción da vivenda protexida, cunha mellor análise dos custos para os promotores, e adaptando os períodos de protección”, explicou.

Así mesmo, salientou que a Xunta lanzará, tamén, o alugueiro con opción a compra para menores de 35 anos, de xeito que os donos poidan incluír esta opción ata o quinto ano, mantendo un prezo establecido, e a cambio teñan acceso a axudas de ata 8.000 euros. Ademais de impulsar a mobilización das vivendas baleiras, fomentando o seu arrendamento, con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, a cambio da cesión en usufruto e a xestión do alugueiro por parte da Administración autonómica durante 10 anos.

E, para paliar a exclusión residencial, impulsaranse instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades de servizos sociais, para velar pola atención aos colectivos vulnerables.

Rexeneración dos espazos urbanos e compromiso coas zonas menos poboadas

Dentro da aposta pola rexeneración dos espazos urbanos, a rehabilitación de vivendas e o compromiso coas zonas menos poboadas, Feijóo aseverou que o Goberno galego seguirá fomentando a reconstrución de vivendas en núcleos rurais, mediante incentivos a particulares que sexan autopromotores de vivendas en concellos con saldo demográfico negativo.

Así mesmo, lanzarase un programa de núcleos rurais en abandono, para facilitar aos concellos a súa dinamización e posta no mercado, con axuda de ferramentas informáticas que se porán á súa disposición para dalos a coñecer. E, seguirase co programa de Áreas Rexurbe –os espazos delimitados nos que se acometen actuacións conxuntas de rehabilitación e dinamización—, vixente en concellos como Mondoñedo, A Coruña ou Ribadavia.

No tocante á estratexia polo solo residencial, Feijóo afirmou que se priorizarán as ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas con maior dificultade.

Por outra banda, implantaranse medidas como a posta en funcionamento do rexistro de informes de avaliación de edificios; ou un plan de cesión e venda de locais do IGVS, para favorecer o seu arrendamento a favor de entidades sociais sen ánimo de lucro, cun período de carencia de tres anos e renda limitada durante cinco.

“En definitiva, deseñamos en consenso co sector unha batería de medidas en todas os frontes, para axudar aos mozos a adquirir vivendas en concellos de menos 5.000 habitantes ou en centros históricos; con diversas axudas ao alugueiro; ou cun incremento do 25% das subvencións á rehabilitación en municipios de menos de 5.000 habitantes”, dixo, a modo de resumo, referíndose tamén á aposta polo reequilibrio territorial.

Desenvolvemento doutras medidas xa implantadas

Feijóo fixo fincapé en que, ademais das novas medidas, a Xunta seguirá desenvolvendo medidas xa implantadas como: o Programa Rexurbe, con 10 millóns de euros para actuacións directas; ou a construción de vivendas de promoción pública nas grandes cidades, no que se investirán 7,75 millóns este ano. Así como achegando solo residencial para vivenda protexidas na Coruña (Ofimático), en Pontevedra (Valdecorvos) ou en Vigo (Navia), cun investimento neste último de 8 millóns de euros.

Neste mesma liña, recordou que, a partir de mañá, poderán solicitarse outra vez as axudas do Bono de alugueiro social, que chegará a, “como mínimo”, 800 familias máis vulnerables, por un período de ata seis anos.

En total, concederanse 225 euros de axuda cada mes, outra contía adicional de 600 euros para formalizar os contratos e un complemento durante todo o ano que cobre o 100% do pago da renda, explicou.

O presidente do Executivo galego concluíu reiterando o compromiso do Goberno galego cunha vivenda máis accesible, coa rehabilitación e coa rexeneración dos espazos.

R., 2021-01-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES