Noticias

Toda Galicia estará desde o venres e, 'probablemente, ata mediados de febreiro', nos dous niveis máis altos de protección

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe aos galegos máxima prevención e anunciou que toda Galicia estará, desde o venres e, “probablemente, ata mediados de febreiro”, nos dous niveis máis altos de protección do protocolo contra a pandemia. Durante a súa comparecencia para dar conta das medidas acordadas no comité clínico, Feijóo explicou que, con carácter xeral, aplicarase o nivel medio-alto en toda a Comunidade, se ben, nas zonas de maior incidencia aplicarase o nivel de máxima restrición. “E mantemos o peche da Comunidade que se decretou xa hai varias semanas”, recordou.

No tocante ao nivel medio-alto, Feijóo salientou que, ademais da recomendación básica de que se faga o esencial, exclusivamente: acudir ao médico, ao colexio, ao traballo –incidindo no teletraballo, sempre que sexa posible-, ao coidado de menores e maiores e á compra dos enseres indispensables, hai determinadas restricións que se deben coñecer e cumprir de forma escrupulosa.

Ao respecto, precisou que as reunións serán dun máximo de 4 persoas; o toque de queda adiántase ás 22 horas; o horario de peche do comercio fíxase ás 21,30 horas; os centros recreativos turísticos ou similares terán un aforo do 50% -cando haxa grupos, serán de 4 persoas máximo-; e a hostalería e restauración poderán abrir ata as 18 horas, cun 30% de aforo no interior e do 50% nas terrazas, podendo manter a entrega a domicilio.

“A partir das 18 horas, a actividade da hostalería e restauración non estará permitida, e iso significa que tampouco se deben, a partir desa hora, reunir non conviventes nos domicilios”, engadiu.

No tocante ás actividades deportivas non federadas: os grupos serán dun máximo de 4 persoas e, nos espazos interiores, o aforo tampouco pode superar o 50%. No comercio, o aforo nas tendas tamén segue á metade, pero reforzarase a vixilancia nos centros comerciais, onde quedará prohibido permanecer nas zonas comúns, permitíndose só o tránsito para entrar e saír das tendas.

Por outra banda, nos cines, teatros e auditorios: haberá que estar sempre sentados, mantendo a distancia de seguridade, cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre; e as visitas hospitalarias se circunscriben a unha persoa por paciente en todos os hospitais do Sergas, salvo casos excepcionais. “E respecto á mobilidade, os concellos que se atopan neste nivel medio-alto non se pechan, agás nas tres cidades que están neste nivel: Lugo, Pontevedra e Vigo”, remarcou, ao que engadiu que, en todo caso, a recomendación é que se limite a mobilidade ao máximo posible.

Zonas de máxima restrición

Máis alá destas medidas reforzadas a nivel xeral en toda Galicia, o presidente da Xunta insistiu en que a tendencia á alza é especialmente intensa en zonas concretas que, segundo o comité clínico, deben ter a máxima vixilancia.

“Estamos a falar de 33 concellos de máis de 10.000 habitantes, que presentan unha incidencia acumulada a 14 días superior a 250 ou que evolucionan rapidamente cara a ese nivel. E a eles súmanse outros 27 municipios de menos de 10.000 habitantes, nos que o comité considera preciso que teñan restricións de nivel máximo e limitada a mobilidade”, explicou.

Deste xeito, os 60 concellos que estarán as vindeiras semanas neste nivel máximo de restricións son, na provincia da Coruña: A Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Carballo, Santiago de Compostela, Ames, Ribeira, Boiro, Rianxo, Noia, Ferrol, Narón, Fene, Cee, Camariñas, Cerceda, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Pontedeume, Ortigueira, Outes, Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Melide, Oroso, Trazo e Val do Dubra. Na provincia de Lugo: Vilalba, Viveiro e Xove. Na provincia de Ourense: Ourense, Barbadás, Carballiño, Verín, Allariz, Monterrei e Xinzo de Limia. E, na provincia de Pontevedra: A Estrada, Poio, Bueu, Moaña, Baiona, Ponteareas, Redondela, A Guarda, Tomiño, Tui, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis, Cuntis, Oia, O Rosal e Salvaterra de Miño.

Nestas zonas, a principal diferenza co resto será que o interior dos centros de hostalería e restauración permanecerán pechados, e só se permitirá atención nas terrazas ata as 18 horas, ou a entrega a domicilio sen límite. Ademais, os establecementos de xogo non poderán abrir as portas; os centros comerciais reducirán o seu aforo ao 30%; “e a mobilidade non se permitirá máis aló dos perímetros de cada concello, quedando illados de xeito individual”, incidiu, matizando que esta restrición tamén se aplicará no caso das cidades que están a nivel medio-alto, é dicir, en Pontevedra, Vigo e Lugo.

Apoio ao sector da hostalería

Diante destas novas medidas que supoñen novos esforzos para os cidadáns, Feijóo aproveitou a comparecencia para referirse novamente á hostalería, un sector, recordou, que sofre máis que ningún outro ao estar máis exposto. “Seguiremos tentando mitigar o seu sufrimento con axudas específicas”, garantiu, subliñando que, máis de 14.700 negocios de hostalería recibiron apoio económico directo da Xunta xa, o que supuxo un desembolso de 21,5 millóns de euros.

“E, ademais, o 50% dos hostaleiros que tiveron que pechar ou se viron prexudicados obtiveron axudas a maiores deste apoio específico, xa que recibiron a axuda dirixida a autónomos ou ben a axuda para microempresas”, resaltou, facendo fincapé en que o Goberno galego seguirá apoiando ao sector, cun novo paquete de medidas, ante as restricións que entran en vigor a partir do venres.

O presidente da Xunta pediu aos cidadáns que sigan en alerta e que non se confíen polo feito de que o proceso de vacinación comezara, xa que a pesar de que Galicia está vacinando ao mellor ritmo de toda España, aínda hai moi poucas doses.

Sobre este punto, a Consellería de Sanidade informará no Consello de mañá da evolución do plan de vacinación; e, desde hoxe, estase a vacinar aos sanitarios, coa previsión de que ao longo do día reciban a primeira dose 6.000 profesionais.

R., 2021-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (saias-do-mar.jpg) Inspirada no Camiño da Traslatio, Saias do mar é un espectáculo de danza contemporánea que homenaxea a muller galega como forza ancestral ligada ao mar. A peza transforma o corpo nun territorio fluído e propón unha lectura coreográfica do feminino como memoria viva e indómita, depositaria dunha herdanza espiritual e simbólica, vencellada á ruta sagrada que trouxo o corpo do apóstolo Santiago por vía marítima ata estas terras. Juan Miguel Hernández é o autor da coreografía desta montaxe dirixida por Nerea Andrés, e ambos forman tamén parte do elenco xunto a Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. A proposta, de 40 minutos de duración e pensada para poder executarse en todo tipo de espazos, complétase cunha selección musical de Rosa Cedrón, Daniel Minimalia e Luar na Lubre, vestiario de Santos Salgado e atrezzo de Elva Bernat.
Foto de la tercera plana (costa-faro.jpg) O presidente da Xunta informou de que a Xunta vén de solicitar ao Goberno central 'que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas' porque 'invade competencias exclusivas de Galicia e vulnera os dereitos dos titulares de concesións do litoral'. O Goberno autonómico lembra que, nos termos actualmente previstos, este regulamento non se adecuaría ás exixencias da Comisión Europea nin ao propio Dereito comunitario.

Notas

Os estudos sobre as estratexias de subsistencia levadas a cabo polos grupos de cazadores-recolectores das Serras Orientais de Galicia durante o Paleolítico medio e superior contan cunha nova achega procedente do emblemático xacemento de Cova Eirós (Triacastela, Lugo). Unha investigación liderada desde a USC e na que tamén participou a UVigo permitiu realizar por primeira vez unha identificación a grande escala de restos animais cazados e aproveitados por neandertais e humanos anatomicamente modernos mediante o emprego do ZooMS.
El pasado 18 de abril vio la luz en las principales plataformas digitales de streaming musical 'Enmarañando', el nuevo trabajo discográfico de FOLK ON CREST. Aunque los formatos físicos aún se encuentran en fábrica, estarán disponibles muy pronto para todos los seguidores del grupo. 'Enmarañando' es el resultado de un largo proceso de creación, maduración y búsqueda sonora.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES