
Estiveron presentes o ministro do Mar do Goberno de Portugal, Ricardo Serrâo; a secretaria xeral de Pesca de España, Alicia Villauriz, e a xefa da unidade de Innovación Marítima da DG Mare, Andreea Strachinescu.
Na súa intervención no acto de apertura, a directora do Cetmar avogou pola unión da ciencia, da industria e da sociedade na busca dos coñecementos e solucións que posibiliten unha economía azul máis sustentable e produtiva.
Paloma Rueda expresou tamén a adhesión de Galicia á celebración hoxe en Portugal do Día do Mar, un mar que compartimos, dixo, e que ten grande importancia como regulador do clima, fonte esencial de alimento, xacemento variado de recursos, fonte de enerxía e vía prioritaria de transporte e comunicación.
Debemos coñecer e entender a influencia do mar nas nosas vidas e como influímos nós no mar, apuntou, e insistiu en que é crucial para vivir e actuar de forma sustentable. Nesta liña subliñou que é clave estar todos xuntos nisto, tanto os gobernos como a sociedade, a industria e a comunidade científica.
A directora do Cetmar afirmou que o B2Sea se converterá ao longo desta semana nun foro de debate sobre os temas máis actuais relacionados coa economía do mar e asegurou que a interacción entre participantes de diferentes países, perfís profesionais e disciplinas permitirá avanzar nas formas máis eficientes para enfrontar a transformación necesaria cara unha economía do mar máis sustentable.
Ademais Paloma Rueda lamentou que as restricións sanitarias derivadas da pandemia da covid-19 obrigaran a programar un foro integramente virtual, xa que, recordou, esta nova edición do Business2Sea ía ter lugar por primeira vez na súa historia na cidade de Vigo. Mostrou así o agradecemento de Cetmar a todos os que nos animaron a seguir adiante con este evento e celebrou poder colaborar un ano máis cos nosos compañeiros de Forum Océano na súa organización.
Esta primeira xornada do B2Sea proseguirá esta tarde cun taller sobre as competencias na industria marítima no que Cetmar presentará o proxecto europeo Mates e o seu plan de acción para capacidades nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas. As conferencias, talleres e reunións de proxectos de investigación, así como as tradicionais curtas do mar e os encontros de negocio sucederanse nos vindeiros días.
Para mañá martes 17 de novembro a partir das 15,00 horas está prevista unha xornada da Rede Iberoamericana de Investigación Pesqueira -Rede Invipesca-, que conta con financiamento da Consellería do Mar. Nesta acción está prevista a participación de científicos de diferentes países de Iberoamérica, España e Portugal e ten como obxectivo fomentar a comunicación e as interaccións entre a investigación mariña europea e iberoamericana no marco dos desafíos e oportunidades para o desenvolvemento sustentable dos océanos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.