Noticias

A Xunta afirma que corrixirá en Galicia as debilidades do 'decreto do aprobado xeral' do Ministerio de Educación

A Xunta corrixirá as debilidades do Real Decreto Lei de medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, aprobado polo Congreso dos Deputados, a través da elaboración dunhas normas propias de desenvolvemento. O obxectivo é, dentro da legalidade e das posibilidades desta norma, preservar a calidade e a equidade do sistema educativo galego. O decreto, unha medida emprendida polo Ministerio de Educación, permite que un alumno poida promocionar de curso sen que se teña en conta o número de materias que teña suspensas.

En opinión do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “esta norma racha coa función do sistema educativo como xerador de igualdade de oportunidades e merma a súa calidade”. Neste sentido, considera que non ten sentido que o Goberno central decida aplicar ao contexto actual unhas medidas que foron pensadas para a situación excepcional de confinamento e suspensión total das clases presenciais que se produciu nos dous últimos trimestres do curso 2019/20. Tendo en conta que en Galicia se está a aplicar, con carácter xeral e salvo casos moi puntuais, a presencialidade completa no ensino obrigatorio, o axeitado é aplicar uns criterios máis próximos ao labor educativo habitual.

Incertezas nas familias

“O decreto do aprobado xeral xera preocupación e incertezas nas familias e nunha parte significativa da comunidade educativa que percibe que a súa aplicación pode repercutir nunha redución de calidade e a equidade do sistema”, explica.

As normas propias de Galicia materializaranse tecnicamente na elaboración dunhas instrucións. Para a súa elaboración, a Xunta contará coa participación da comunidade educativa a través do profesorado e a Inspección. Nelas, abordaranse cuestións como os criterios de promoción e titulación, así como a valoración do rendemento do alumnado. En calquera caso, terase en conta a posibilidade de adaptar o que se estableza ás circunstancias particulares que se poidan producir ao longo do curso escolar, como por exemplo corentenas de longa duración.

Queixa formal á ministra

O conselleiro Román Rodríguez xa enviou unha queixa formal á ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, na que se lamentaba a toma desta decisión de forma unilateral e sen abordala previamente coas comunidades autónomas.

Na carta remitida indicábaselle á ministra que posibilitar que un alumno pase de curso sen importar o número de suspensos “desprestixia a propia educación e o traballo de docentes e familias, vai en contra da cultura do esforzo e é profundamente antiequitativo”. Así mesmo, facíase fincapé no risco de “crear desigualdades entre o alumnado en función do seu lugar de residencia, xerando inseguridade xurídica e confusión normativa”; máis tendo en conta que Galicia conta cun dos sistemas educativos máis equitativos e inclusivos do Estado a día de hoxe.

R., 2020-10-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES