Noticias

Feijóo avanza a nova estrutura orgánica da Xunta enfocada na loita contra a covid e na reactivación social e económica

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do decreto da nova estrutura orgánica da Xunta, enfocada na loita contra a covid e na reactivación social e económica, como quedou patente dende o mesmo momento en que se configuraron as distintas consellerías. Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a Vicepresidencia Primeira asume as competencias da Axencia de Turismo de Galicia; e a Secretaría Xeral de Igualdade pasa a integrarse na Consellería de Emprego e Igualdade, onde se crea unha nova dirección xeral: a Dirección Xeral de Relacións Laborais, coa que se reforza este ámbito de cara aos vindeiros meses.

“E o segundo dos órganos directivos de nova creación tamén ten que ver coas prioridades do momento actual”, dixo, referíndose á Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que formará parte da Consellería de Política Social, que reforzará esta área para afrontar os retos presentes e futuros dos servizos sociais, ante a necesidade de perfeccionar os mecanismos de atención sanitaria nos centros de maiores e persoas con discapacidade e de repensar o modelo de residencias, ademais de seguir axilizando os procesos de valoración da dependencia e da discapacidade.

No tocante á Consellería de Facenda, o titular da Xunta subliñou que asume a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma administrativa e a Escola Galega de Administración Pública. E referiuse tamén aos cambios de denominación en varios departamentos das distintas consellerías, como a Dirección Xeral de Enerxía e Minas pasa a chamarse Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

En relación aos nomes das persoas que ocuparán outras responsabilidades, Feijóo explicou Antonio Rodríguez Miranda será o secretario xeral de Emigración. Na Consellería de Facenda, Jesús Oitavén estará á fronte da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, onde substitúe a Natalia Prieto Viso que ocupará a Dirección Xeral de Administración Local. Elena Mancha Montero de Espinosa ocupará a recentemente creada Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade. E, José Luis Cabarcos asumirá a dirección da Axencia galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en substitución de Manuel Rodríguez.

Inés Santé Riveira será a nova directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), cargo no que releva a Miguel Pérez Dubois. Silvia Cortiñas será a nova secretaria xeral técnica da Consellería do Mar. E José Flores asume a xerencia do Sergas, onde substitúe a Antonio Fernández Campa.

Pola súa banda, Carmen Durán Parrondo ocupará a Dirección de Saúde Pública e Ana María Comesaña Álvarez será a nova directora de Recursos Humanos do Sergas.

En Política Social: Jacobo Rey Sastre asume a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; Fernando González Abeijón ocupará a Dirección Xeral de Maiores e persoas con discapacidade; e o doutor Antón Acevedo, médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, farase cargo da Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria.

En canto ás delegacións territoriais, Feijóo precisou que: Gonzalo Trenor farase cargo da de Coruña; Gabriel Alén ocupará a Delegación de Ourense; Luisa Piñeiro exercerá como delegada territorial da Xunta en Pontevedra; Javier Arias Fouz será o delegado territorial da Xunta en Lugo e, finalmente, a delegada territorial da Xunta en Vigo será Marta Fernández Tapias.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que os novos delegados substitúen a Ovidio Rodeiro, José Manuel Balseiro, Marisol Díaz Mouteira, José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, aos que agradeceu profundamente a súa labor á fronte da Administración periférica da Xunta, e que continuarán servindo aos galegos no Parlamento de Galicia.

R., 2020-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES