Noticias

A Xunta defenderá na Comisión bilateral co Estado a legalidade das cuestións relativas ao Imposto de Sucesións e a Lei do Solo

A Xunta defenderá na Comisión bilateral Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia a legalidade das modificacións relativas ao imposto de sucesións e doazóns e a Lei do solo que se recollían na Lei de medidas fiscais e administrativas. No imposto sobre sucesións e doazóns, o Goberno considera que o requisito fixado de que o centro principal da empresa deberá estar situado na comunidade autónoma para aplicar a redución fiscal pode contravir a normativa da U.E.

Con todo, a Xunta de Galicia entende que a redacción do artigo é totalmente legal, e a demostración disto é que este requisito xa se esixe desde o ano 2002 e existe nas normativas fiscais doutras 8 comunidades autónomas.

A outra cuestión refírese á modificación do artigo 40 da Lei do solo, que se incluíu na Lei de medidas fiscais e administrativa de 2019. Este artigo dedícase ás edificacións existentes de carácter tradicional, aos seus usos e obras permitidas. O Goberno central considera que neste artigo pode existir unha discrepancia coa Lei de Costas de 1988, no referido ás limitacións que establece a normal estatal para o cambio de uso de edificacións localizadas en solo rústico de protección de costas.

En calquera caso, desde a Xunta considérase que as modificacións introducidas non afectan para nada á discrepancia que manifesta o Estado. De feito, non son ningunha novidade e levan en vigor 16 anos -desde a redacción dada ao artigo 40 pola Lei 15/2004, de 29 de decembro de modificación da LOUG-. En todo caso, ademais, prevalece sempre a normativa básica estatal en materia de costas.

Cómpre destacar, ademais, que a Xunta xa trasladou en anteriores reunións as consideracións sobre ambas cuestións ao Goberno central e volverá facelo no seo da Comisión bilateral.

Comisión bilateral

A convocatoria da comisión bilateral é un procedemento habitual para resolver cuestións entre administracións e discrepancias técnicas. De feito, a comisión concíbese como un instrumento esencial de cooperación e entendemento entre a Administración xeral do Estado e a comunidade autónoma de Galicia. Entre as súas funcións está servir de cauce de actuacións de carácter preventivo para evitar que xurdan conflitos entre ambas administracións, arbitrar propostas de solución ou resolver por vía extraprocesal conflitos de competencia. Ademais, tamén ten as funcións de impulsar e concretar, desde o punto de vista bilateral, a realización de plans conxuntos; ou deseñar mecanismos de colaboración mutua.

Segundo está fixado nas lexislación, as comisións estarán composta por membros de ambas administracións e pode variar en función dos asuntos que se vaian tratar. Ademais, está previsto que as comisións actúen coa máxima flexibilidade para facilitar as reunións. De feito, o grupo de traballo que se reúne para preparar o acordo final faino habitualmente por videoconferencia xa desde o ano 2010.

R., 2020-08-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES