
Respecto á evolución por sectores, en Galicia o custo laboral bruto na industria representa o 92,8% da media española, fronte ao 99,5% no sector da construción e do 88,8% no sector servizos. O informe do IGE tamén inclúe datos sobre a súa estrutura, de xeito que o custo laboral bruto está conformado polos soldos e salarios (21.173,4 euros); cotizacións obrigatorias (7.010,5); os beneficios sociais (376,4); as indemnizacións por despedimento (103,2); os gastos en formación profesional (64,5) e os gastos derivados do traballo, que supoñen 304,4 euros.
En canto á evolución interanual, Galicia é a segunda comunidade autónoma tras Aragón- onde máis medrou o custo laboral bruto en 2019. En concreto, este indicador medrou en Galicia un 3,8%, fronte ao crecemento do 2,4% da media española.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.