Noticias

Sanidade levanta a limitación da mobilidade en todos os concellos do distrito sanitario da Mariña agás Burela

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe en rolda de prensa, logo da reunión con expertos do Comité Clínico onde se revisaron as medidas de restrición que estaban en vigor na Mariña lucense como consecuencia do brote da covid-19, que se levanta a limitación da mobilidade en todos os concellos do distrito da Mariña, agás Burela. Deste xeito, os concellos de Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove únense aos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, que xa tiñan mobilidade completa dende a pasada semana. O concello de Burela, manterá limitada a mobilidade ao ámbito xeográfico do término municipal durante outros sete días.

Para o conxunto de concellos do distrito da Mariña seguen vixentes as medidas de prevención de redución de aforos nos bares e centros de ocio ao 50%, o cumprimento dos horarios de apertura e peche de forma escrupulosa, e os límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, e un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10.

As modificacións referidas á mobilidade nos concellos publicaranse hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor ás 00.00 horas.

Por outra banda, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, sinalou que, ata onte, fixéronse 3.655 PCR como consecuencia do brote da Mariña, sendo na actualidade o número de casos activos 151, 12 menos que no día de onte.

O xefe do servizo de Oncoloxía do Hula e membro do Comité de Expertos, o doutor Sergio Vázquez Estévez, apelou, na rolda de prensa, á responsabilidade da cidadanía tanto individual como colectiva, á hora de que se respecten as medidas de hixiene. Fixo un especial chamamento aos xóvenes, reiterando que os botellóns, están prohibidos e que haberá aínda maiores medidas disuasorias ao respecto.

O doutor Vázquez Lima, xefe de servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, e membro tamén do Comité Clínico, manifestou que a guerra contra a covid-19 non rematou e que, aínda que gañamos batallas todos os días, isto non acabará ata que teñamos unha vacina ou un tratamento definitivo.

Almuiña manifestou unha vez máis a súa preocupación polos casos importados. Lembrou que a Xunta de Galicia ten activado un teléfono específico, o 881 00 20 21, para atender a todas aquelas persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses.

Así, aínda que a persoa non dispoña tarxeta sanitaria galega, o Sergas asignaralles un profesional sanitario que, tras unha consulta inicial, poderá determinar o que proceda e, no seu caso, solicitar a proba diagnóstica que considere precisa.

Casos en Betanzos

O conselleiro de Sanidade referiuse tamén aos casos de covid-19 localizados en Betanzos. Na actualidade hai identificados catro casos que teñen relación familiar entre eles, e outros dous que non.

R., 2020-07-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES