Noticias

O Comité Clínico avalía a situación da Comunidade, cunha atención especial á Mariña

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou hoxe co Comité Clínico de expertos a situación sanitaria da Comunidade, cunha atención especial á evolución na Mariña e co compromiso de seguir tomando medidas responsables e proporcionais en cada momento, co único fin de protexer aos cidadáns. “A proporcionalidade obriga a limitar medidas ás zonas afectadas e os criterios obxectivos son os que fixa o Comité Clínico de acordo co Plan de brotes aprobado”, subliñou o titular da Xunta tras a xuntanza, recordando que, “con carácter xeral e con todas as cautelas”, no conxunto de Galicia a situación segue a ser estable, manténdose a tendencia das últimas semanas.

No tocante á evolución na Mariña, onde se localizou un brote que levou a pechar esa comarca o pasado domingo, o responsable do Executivo galego destacou que, desde o punto de vista asistencial, os cadros das 121 persoas afectadas non revisten gravidade e a inmensa maioría -o 95%- están a ser atendidos nos seus domicilios. “Tamén é moi importante que non hai incidencia nun dos puntos máis vulnerables nesta pandemia”, dixo, en alusión ás residencias de maiores.

Diante destas cifras, Feijóo aseverou que a Administración autonómica seguirá vixiando a progresión do brote para actuar en consecuencia con dúas prioridades: protexer a saúde dos veciños e reducir as posibilidades de que este se estenda a outros lugares da provincia ou a comunidades veciñas.

Logo de agradecer a colaboración da Delegación do Goberno e dos alcaldes da comarca, aos que se está a informar diariamente, Feijóo confirmou que, nos vindeiros días, a Xunta continuará coa estratexia de realizar test masivos para localizar e illar os positivos, ademais de facer un seguimento especial aos contactos máis vulnerables.

Nesta liña, precisou que se os datos e a situación epidemiolóxica reflicten unha melloría notable, o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán a posibilidade de diminuír o confinamento dos concellos, abrindo unha fase de transición para volver paulatinamente á mesma situación que hai no resto de Galicia. “O Plan de brote distingue tres zonas na comarca -a Mariña occidental, a Mariña oriental e a Mariña central- e o Comité clínico e a Consellería de Sanidade valorarán en función do número de PCR positivas se nos próximos días podemos diminuír o número de concellos confinados”, dixo, subliñando que o 90% dos casos atópanse concentrados en 3 concellos.

Feijóo aproveitou a xuntanza para apelar novamente á responsabilidade individual de todos e cada un dos cidadáns, porque “tranquilidade non pode significar relaxación”. “Todos temos que facernos as mesmas preguntas, todos os días e en todo momento: somos suficientemente precavidos no traballo?, somos coidadosos cando vemos á familia?; recordamos as medidas de prevención cando quedamos cos amigos?”, dixo, incidindo na necesidade de ter presente sempre que cada apertura supón riscos.

R., 2020-07-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES