Noticias

O plan de reactivación do sector marítimo-pesqueiro de Galicia fronte ao coronavirus suporá unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe que Galicia conta cun plan de reactivación para o eido marítimo-pesqueiro ante a crise derivada do coronavirus que suporá unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 no complexo mar-industria a través de cinco liñas de apoio que buscan aportar liquidez e solvencia ás empresas do sector para garantir a súa sustentabilidade e competitividade ante as dificultades actuais derivadas da covid-19. O obxectivo deste plan é que ninguén quede atrás no camiño da recuperación e que o sector volva á situación previa á pandemia o antes posible. O plan de reactivación e dinamización do eido marítimo-pesqueiro, denominado Avantemar, pretende ser un programa xeral de apoio ao sector ante as importantes perdas acumuladas nos últimos meses.

Estas perdas ascenden a 25 millóns de euros en primeira venda, case 60 millóns de euros en perdas inducidas pola falla de actividade e máis de 500 millóns de euros no conxunto da cadea mar-industria. Por iso, salientou a titular de Mar, o Executivo galego considera necesario adoptar medidas de xeito urxente para que os profesionais do mar poidan superar as dificultades e volver á normalidade.

O programa de apoios deseñado pola Consellería do Mar, que foi presentado aos representantes do sector nunha xuntanza de traballo, pretende atender a todos os sectores e subsectores e fai especial fincapé naqueles profesionais que non se ven beneficiados polas achegas e medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). É o caso das embarcacións que mantiveron a súa actividade durante o estado de alarma para subministrar alimentos de calidade á cidadanía a pesar de que a actividade non era rendible.

A maiores dos barcos que paralizaron totalmente a actividade durante a crise da covid-19 -que contarán con achegas vía FEMP- o plan Avantemar prevé apoios para aqueles pesqueiros que seguiron faenando e que sufriron perda de ingresos. Poderán beneficiarse deles aquelas embarcacións con porto base en Galicia inscritas no rexistro de buques pesqueiros de Galicia que no período comprendido entre o 14 de marzo e o 15 de maio deste ano sufrisen unha caída na facturación superior ao 25% polas vendas efectuadas en lonxas de Galicia en relación á media obtidas no mesmo período dos tres exercicios anteriores (2017, 2018 e 2019).

Esta vía de apoio para a frota que permaneceu activa está dotada con máis de 7 millóns de euros, dispostos pola Xunta con fondos propios e a contía mínima a percibir por buque é de 500 euros e a máxima de 40.000 euros, en función da actividade que tivesen nos tres anos anteriores no mesmo período de tempo.

O plan tamén contempla aportacións para as confrarías e entidades xestoras de lonxas que rexistraron perdas debido ao descenso dos seus ingresos durante o período comprendido entre o 14 de marzo e o 14 de maio en relación co mesmo período do ano anterior. Para estas entidades dispón de 600.000 euros procedentes tamén de fondos propios do Executivo autonómico.

Rosa Quintana sinalou que ambas medidas se publicarán en próximas semanas e expuxo que en cada unha delas o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Outros apoios

Entre os apoios que inclúe Avantemar para os profesionais, a conselleira tamén destacou os destinados ás mariscadoras e mariscadores que pararon temporalmente a súa actividade durante a pandemia debido ao peche da canle HORECA, a súa principal canle comercial, e que non puideron beneficiarse polo cese de actividade habilitado trala declaración do estado de alarma. Para estes profesionais o plan prevé máis de 5 millóns de euros con fondo FEMP asignado a Galicia e con fondos propios. Ademais, para paliar os efectos de inactividade no colectivo de redeiras como consecuencia da covid-19, para este sector poranse a disposición apoios con fondos propios por valor de 400.000 euros.

Todas estas medidas e outras destinadas a empresas e profesionais enmárcanse na liña de Avantemar relacionada coa súa dinamización e a solvencia xeral, unha das cinco liñas que comprende esta ferramenta. As outras catro son a relacionada coa sustentabilidade, liquidez e financiamento xeral, onde se enmarca, por exemplo, a flexibilización de taxas; a que ten que ver coa adecuación e sostemento das actividades conexas, a relacionada coa reorientación do sistema económico-comercial pesqueiro para adecuarse á situación social derivada da pandemia e por último a liña de adecuación e flexibilización administrativa.

As vías de apoio que contempla o plan de reactivación destinado ao mar de Galicia, explicou Rosa Quintana, serán presentadas en detalle ao sector. Hoxe, engadiu, presentamos en Ribeira algunhas delas debido á súa gran vocación pesqueira, pois a lonxa deste municipio coruñés é a principal de pesca de baixura de Galicia e de España e a que rexistra a maior cantidade de descargas dos portos de titularidade autonómica. Ademais, lembrou a titular de Mar, os profesionais do mar desta zona son un claro exemplo do esforzo realizado polos traballadores do mar de Galicia desde o inicio da alerta sanitaria pola covid-19 para subministrar alimentos de calidade á cidadanía.

R., 2020-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES