Noticias

O 100% dos colexios electorais galegos cumpre as medidas do protocolo para o 12 de xullo tralo traballo dos coordinadores de prevención

Os coordinadores de prevención para a xornada electoral do próximo 12 de xullo veñen de rematar a inspección dos 2.405 locais electorais galegos. Durante a semana pasada, comprobouse que 2.280 locais -case o 95%- cumprían xa de inicio coas condicións do Protocolo da Xunta e buscouse unha ubicación alternativa para os 125 que non estaban en condicións de cumprila segundo as inspeccións. Deste modo, case un mes antes da xornada electoral, o 100% dos locais designados contan coas características necesarias para cumprir coas medidas de seguridade. O traballo dos 133 inspectores desenvolveuse en colaboración fluída cos concellos, tanto á hora de facer as inspeccións como cando foi necesario buscar locais alternativos.

A semana antes das eleccións haberá unha segunda revisión de todos os locais para facer unha última comprobación de que cumpren coas medidas sanitarias logo da instalación do mobiliario para a votación. Ademais, durante o 12 de xullo, os representantes da Administración tamén se achegarán a visitalos para comprobar que se están seguindo as medidas do Protocolo.

Todos os profesionais que se están ocupando destas tarefas contan con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais. Recibiron previamente formación específica para as inspeccións dos locais e están sometidos á unha dirección única desde a Xunta.

Protocolo sanitario para o 12 de xullo

O Protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta conta co visto bo de saúde pública e do comité clínico.

Entre outras medidas, establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

O Protocolo tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Todo o custo adicional que suporá a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos, instalación de cartelería...) correrá a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.

R., 2020-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES