Noticias

O Programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros facilitará a reactivación de 27.000 autónomos e PEMES

O programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, da Xunta de Galicia, vai favorecer a reactivación de máis de 27.000 establecementos galegos, PEMES e autónomos que poderán instalar medidas de protección nos seus locais para clientes e traballadores, para dar a maior confianza aos consumidores neste etapa poscovid-19. Trátase dun programa de axudas cun importe de 16 millóns de euros, no que participan as Consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo; e Infraestruturas e Mobilidade. Os autónomos e PEMES dos sectores comercial, turístico, servizos e transporte, poden solicitar estas axudas que inclúen un anticipo dun 50% dos investimentos no momento da resolución favorable.

Ditas axudas cobren os seguintes gastos:
- Compra de medios de protección e hixiene.
- Reforzo de limpeza e desinfección dos establecementos.
- Adaptación dos locais con equipamentos de seguridade e redución de contacto entre persoas.
- Obras para a renovación, limpeza e ventilación do aire.
- Información para os clientes sobre medidas hixiénicas e de protección.

Estas subvencións poden solicitarse a través de Igape Responde, a xanela única da Xunta de Galicia para o asesoramento de autónomos e PEMES sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial.

Comercio e Servizos

Os investimentos subvencionables para comercios de proximidade de menos de 300m2 e perruquerías de menos de 10 traballadores deben estar entre os 300 e os 1.200 €, e a intensidade da axuda pode chegar ao 100%.

No caso de PEMES de menos de 50 traballadores (comercio e terceiro sector), os investimentos estarán entre os 1.500 € e os 3.750 €, de xeito que a axuda máxima será de 3.000 €, e incluirá tamén os custos de obtención de certificacións de seguridade fronte á COVID-19 e de formación do persoal para a aplicación de protocolos e prácticas de seguridade.

Turismo

A Consellería de Cultura e Turismo, tras un proceso de diálogo cos axentes da industria, pon en marcha o programa Galicia Destino Seguro, que pretende promover á comunidade como destino fiable e de calidade, así como adaptar o sector á “nova normalidade”.

Así, os establecementos hostaleiros e de restauración, axencias de viaxes e locais turísticos poderán solicitar entre 300 e os 1.200 €, e a intensidade da axuda pode chegar ao 100%, sempre e cando teñan menos de 10 traballadores e 300 m2. Ao igual que no caso anterior, as PEMES de menos de 50 traballadores poden presentar investimentos entre os 1.500 € e os 3.750 €, de xeito que a axuda máxima será de 3.000 € (80%).

Esta convocatoria é un dos primeiros froitos do Pacto por un Destino Seguro, asinado entre a Xunta de Galicia e o sector turístico para mellorar a información, asesoramento e formación do sector en materia sanitaria. Outras accións contempladas dentro deste Pacto son un teléfono de asesoramento para o sector, ou un plan de formación en materia de seguridade sanitaria para entidades sectoriais e provinciais, con 50.000 prazas en 500 accións formativas, adaptadas a cada subsector e impartidas polo Centro Superior de Hostelería de Galicia.

Transporte

Empresas e autónomos do sector do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros, o trasporte de mercadorías por estrada, e actividades anexas de transporte terrestre, poderán solicitar ata 3.000 € para a implantación de medidas de seguridade e equipos de protección.

Autodiagnóstico online gratuíto

Na plataforma gratuíta www.comerciosegurogalicia.com, da Xunta de Galicia, calquera negocio pode realizar unha análise da súa preparación ante a situación sanitaria actual, no relativo a prevención e planificación de medidas de seguridade, ademais de recibir recomendacións sanitarias e claves para ofrecer a maior seguridade posible na volta á actividade. Para obter as axudas do programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, os solicitantes deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.

R., 2020-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES