Noticias

O Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria optimizará o funcionamento dos centros e garantirá a seguridade dos profesionais e doentes

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o Plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que optimizará o funcionamento dos centros de saúde e garantirá a seguridade dos profesionais e dos doentes. Logo de recordar que a Atención Primaria xogará un papel moi relevante na detección precoz de novos casos e na paulatina volta á normalidade, Feijóo subliñou que esta folla de ruta foi elaborada en colaboración cos diferentes colexios profesionais, sociedades científicas e asociacións do eido sanitario; e foi tamén validada polo Comité Clínico do Servizo Galego de Saúde. En concreto, está estruturada en varias fases que se desenvolverán dun xeito progresivo, desde o momento actual ata o mes de xuño.

Entre as medidas principais, o responsable do Executivo galego subliñou que ante unha infección respiratoria aguda, os médicos de familia poderán solicitar a realización das PCR, precisando que ata o de agora xa podían dentro das limitacións do protocolo do Ministerio, pero agora poderán pedir inmediatamente unha PCR e deberá ter resposta nun prazo de entre 24 e 48 horas. Así mesmo, potenciarase a atención telefónica, a citación espallada de pacientes para evitar aglomeracións, o impulso da atención domiciliaria e o teleseguemento, e a limitación no acceso de persoas aos centros de saúde, cuxo aforo, continuará a verse limitado por motivos de seguridade.

No eido da prevención dos riscos laborais, os centros de saúde estarán dotados do material necesario para a protección individual dos traballadores e contarán cunhas Epis proporcionais e axeitadas aos riscos aos que se deban expoñer os profesionais do centro. E darase continuidade ás actividades formativas e informativas dirixidas ao persoal sanitario e non sanitario dos centros, ademais de intensificarse as tarefas de limpeza e desinfección, tanto das estancias como dos equipos de traballo.

Feijóo destacou que se trata dun plan flexible que se irá adaptando ás circunstancias, precisando que, segundo avancen as súas fases, o persoal sanitario irá recuperando as actividades suspendidas polo xurdimento da pandemia.

A cada servizo de atención primaria corresponderalle a reorganización das axendas profesionais en función das necesidades, prestando especial atención aos pacientes máis máis vulnerables.

Para evitar a propagación do coronavirus, cada centro sanitario procurará contar con dous circuítos diferenciados: un destinados aos pacientes covid e outro para o resto de doenzas. Non obstante, se as dimensións dos centros sanitarios non permitisen esta diferenciación, valorarase a posibilidade de atender comarcalmente aos pacientes con sintomatoloxía covid.

Entre outras medidas que achega o plan, inclúense apuntamentos que abordarán dun xeito específico as especialidades sanitarias como son: a atención pediátrica, que manterá un circuíto diferenciado; a atención obstétrica, cuxas consultas prenatais e puerperais serán realizadas preferiblemente de xeito telefónico; as unidades de saúde bucodental, que precisan equipos de protección individual integrais; as unidades de fisioterapia, que recuperarán a súa actividade seguindo criterios de prioridade patolóxica e menor risco de contaxio; as unidades de atención farmacéutica, que mesturarán a atención telefónica e presencial; e as unidades de atención de traballo social sanitario, que se centrarán na detección proactiva de pacientes en situación de risco e exclusión social.

O presidente da Xunta concluíu subliñando que o plan de reactivación asistencial procurará impulsar a detección precoz de novos casos en atención primaria. Así mesmo, e para levalo a cabo, pediu a colaboración dos pacientes e agradeceu o labor do persoal sanitario e non sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.

Nova adquisición de material para os hospitais

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta referiuse tamén á adquisición de novo material para hospitais por valor de 600.000 euros, entre o que destacou: 8 ventiladores volumétricos, 5.000 pulsioxímetros e 200 camas de hospitalización.

Nesta mesma liña, destacou a aprobación do expediente de contratación da obra para instalar 33 portas automáticas nas UCI e REA do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo cun investimento de 170.000 euros.

R., 2020-05-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES