Noticias

VouDeSúperFeirón, unha campaña para animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos

A Xunta acaba de pór en marcha unha campaña de comunicación e sensibilización para animar á cidadanía a consumir produtos agroalimentarios galegos durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. A iniciativa, que foi presentada hoxe polo conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, enmárcase na rede Mercaproximidade, unha canle alternativa de comercialización concibida para dar saída aos produtos afectados polo peche da hostalaría e dos mercados municipais. A campaña está dirixida aos consumidores finais, para conciencialos da calidade dos produtos agroalimentarios galegos, e para facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do sector.

Nesa liña, tamén se busca recoñecer o importante esforzo que se está a levar a cabo dende o agro galego, no que o complexo agrogandeiro desempeña un papel fundamental para asegurar o abastecemento de alimentos durante o estado de alarma.

Deste xeito, segundo explicou o conselleiro, a intención é animar á cidadanía a mercar nos supermercados sumados á iniciativa as producións que antes compraban nas feiras ou consumían nos restaurantes. Producións como froitas ou hortalizas, viños, produtos lácteos ou apícolas, e carne de vacún, porcino, ovino ou caprino, cuxas canles principais de comercialización agora están pechadas.

Tras enviar solicitude desde o pasado 15 de abril, máis de 370 produtores e industrias transformadoras adheríronse xa a Mercaproximidade. Unha vez se distribúan as súas producións, estarán perfectamente identificadas, deixando claros tanto a súa orixe como o seu vínculo coa iniciativa. A campaña de comunicación tamén irá actualizando a relación de entidades que colaboran con esta fórmula de venda alternativa, adquirindo estes produtos para a súa comercialización. Cabe lembrar que tamén ponde sumarse á rede as empresas que subministran a colectividades ou as plataformas de venda online.

Ata o momento, xa acordaron sumarse á rede as cadeas Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour –cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Con todo, a iniciativa segue aberta para que se incorporen todas as empresas interesadas en comercializar estes produtos de proximidade e calidade diferenciada.

José González subliñou que a campaña, que se fará visible tanto nos establecementos de alimentación participantes como nos medios de comunicación, poderá compartirse nas diferentes redes sociais empregando o cancelo #VouDeSúperFeirón.

Esta iniciativa enmarcada na rede Mercaproximidade ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.

O conselleiro engadiu que a Xunta está a mercar numerosos produtos agroalimentarios para ceder a hospitais, entidades e comedores sociais. Así, hoxe mesmo entrégalle 2.000 queixos ao Banco de Alimentos de Lugo e nos vindeiros días faralles chegar 2.000 tarros de mel. A maiores, destináronse a esa organización 100 toneladas de patacas para repartilas a través das sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade de tubérculo súmanselle outras 30 toneladas que cedeu de forma voluntaria un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

R., 2020-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (6coreografas-2026.jpg) A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
Foto de la tercera plana (litoral-pobo.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.

Notas

Xerardo Quintiá gaña, co poemario Os cantos a Minha Senhor de Donsinda Christensen e baixo o lema «Cantos a Minha Senhor», a XXIV edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 46 obras inéditas. A resolución do xurado, presidido por Luís González Tosar, con Inés Mosquera Calvo como secretaria e vogal, e integrado por César Lorenzo Gil, Teresa Seara e Ismael Ramos Castelo, tivo lugar en Santiago.
As escavacións levadas a cabo este verán na Cova de Eirós, no lugar de Cancelo do concello lucense de Triacastela, e en Monte Penedo permitiron ampliar os períodos de ocupación humana das cavidades á vez que certificar que foron usadas como lugares de enterramento. Concretamente, a escavación do nivel 5 en Cova Eirós confirma a existencia na cova de ocupacións neandertais mais antigas e a realizada en Gruta dos Bloques descubriu a existencia dun enterramento infantil datado na Idade do Bronce.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES