Noticias

Feijóo aposta por un modelo de desescalada baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especifidades dos territorios

O presidente do Goberno galego avogou hoxe, durante a videoconferencia co Goberno central e cos outros presidentes autonómicos, por un modelo de desescalada baseado no mando único e cunha aplicación de acordo ás especificidades dos distintos territorios. “Plantexei que no Consello de Ministros se inclúa unha cláusula de salvagarda territorial para que as comunidades poidan decidir con certa flexibilidade –previa comunicación ao Goberno– a apertura dos sectores económicos de acordo coa nosa propia situación sanitaria e xeográfica”, explicou, incidindo en que para iso é necesario, ademais dun traballo conxunto, coñecer canto antes todos os datos dos que dispón o Executivo central, o horizonte que propón e a metodoloxía que se pretende.

Nesta liña, e insistindo nun modelo de apertura flexible e dinámico, o titular da Xunta aseverou que Galicia traballa xa “de cheo” neste proceso de planificación, baseándose en tres eixes: xeográfico, demográfico e de sectores económicos.

En canto ao criterio xeográfico, fixo fincapé en que este non debe coincidir con divisións administrativas. “O que parece razoable é que o criterio xeográfico sexa o das áreas sanitarias”, afirmou, explicando que, a partir de aí, a metodoloxía galega propón distinguir microzonas segundo os riscos sexan: menores, o que pode permitir avanzar máis rápido na desescalada en ámbitos como boa parte do rural; permanentes, en zonas máis vulnerables –residencias, colexios, centros de traballo máis concorridos-; e puntuais, como a detección dun brote determinado nun concello ou fábrica concreta.

Sobre o segundo eixe, baseado en criterios demográficos, Feijóo trasladou a necesidade de establecer tres segmentos de idade: maiores de 70 anos, as persoas con idades comprendidas entre os 15 e os 69, e os menores de 14 anos. “E sobre o terceiro eixe, o lóxico é que os sectores económicos poidan abrir en función da área sanitaria onde se atopen”, dixo. Así, nunha área sanitaria onde hai pouco impacto epidemiolóxico e cunha gran infraestrutura sanitaria, os sectores poderán abrir antes que naqueles lugares cun impacto epidemiolóxico maior.

O presidente da Xunta subliñou que o obxectivo é chegar a unha especie de escala de cores que distinguirá distintos niveis de apertura, que se establecerán con datos obxectivos, actualizados de forma permanente, e en base aos cales se decidirán as restricións por territorios, por grupos de idade e por sectores.

“Segundo as nosas primeira aproximacións, cremos que o cadro de mando do Goberno para toda España sería mirar a situación epidemiolóxica, a capacidade sanitaria instalada, os factores de risco e o control da inmunidade e, en base a estes riscos, chegar a cinco niveis”, asegurou, referíndose a modo de exemplo ás zonas con risco baixo ou cunha situación de relativa normalidade, nas que se poderían abrir as actividades económicas; ás zonas cun risco medio ou cunha situación de transición, onde habería actividades económicas que poderían abrir e outras que non; ou ás zonas cun risco alto ou cunha situación de alerta, onde só deberían de abrir aquelas actividades económicas esenciais, pospoñendo aquelas outras non esenciais.

“Esta é a metodoloxía que temos e que plantexamos”, dixo, incidindo en que a desescalada ten que ser segura e flexible, recalcando a importancia de testar a poboación, ademais de advertir sobre a necesidade de que o Goberno central teña en conta non só os novos contaxios, senón o número de test que se realizan.

Rebaixa do IVE nas mascarillas e axudas europeas

O responsable do Executivo galego reiterou a necesidade dun protocolo único de uso de mascarillas e de que se acometa unha rebaixa do seu IVE, que segue fixado no 21% e referiuse tamén a outras propostas xa expostas, como a apertura da actividade en talleres e concesionarios; a apertura paulatina doutros establecementos comerciais, coas limitacións de aforo ou de cita previa; proseguir coa rehabilitación en edificios; así como a venda de produtos agrícolas e gandeiros nos mercados municipais ao aire libre.

No que respecta ao eido económico, Feijóo fixo fincapé na necesidade de coñecer con que intensidade corresponden ás autonomías as axudas europeas para poder preparar a reactivación da economía. Do mesmo xeito, solicitou novamente a celebración do Consello de Política Fiscal e Financeira para que o Ministerio de Hacienda poida traballar de xeito coordinado coas comunidades e pediu que non se sigan detraendo fondos das autonomías para financiar medidas adoptadas polo Goberno central.

R., 2020-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Financiado pola convocatoria comunitaria Europa Creativa, o proxecto HYP-Hypothesis You Preserve, ten entre os seus obxectivos a creación dunha 'enciclopedia dixital colaborativa de historia alternativa', unha disciplina que propón reflexionar sobre que tería acontecido se determinados feitos históricos se tivesen desenvolvido dunha forma diferente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES