
En calquera caso, a conselleira informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual. Así mesmo, acordouse xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.
Por outra banda, Carmen Pomar solicitou aos tres reitores que poñan en coñecemento tanto da Consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa ACSUG as posibilidades para abordar as prácticas en funcións das particularidades de cada titulación.
Todas as partes coincidiron na necesidade de tomar todas as decisións no marco dun consenso e coordinación que permita ofrecer a maior certeza ao alumnado.
ABAU extraordinaria
Por outra banda, a conselleira informou aos reitores da ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras CCAA o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria.
Con este novo calendario, a conselleira reuniuse tamén esta mañá con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que en Galicia se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro.
Cómpre lembrar que, nunha reunión mantida o pasado 30 de marzo, a Consellería e a CIUG acordaron fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. Nas próximas semanas, e en función do que se acorde a nivel estatal, afondarase tamén no modelo de exame que, segundo coinciden CIUG e Consellería, debería ser similar ao habitual para darlle tranquilidade ao alumnado, que vén traballando sobre un determinado tipo de exercicios para preparar as probas.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.