Noticias

A Xunta suspende os prazos para a presentación de tres impostos autonómicos e activa un plan para mellorar a liquidez da tesourería da Comunidade con 1.800 M€ adicionais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou a suspensión dos prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, de sucesións e doazóns e os tributos do xogo. Feijóo explicou que todas as autoliquidacións destes impostos poderán ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020 ou ata un mes despois da finalización do estado de alarma. Do mesmo xeito, subliñou que esta decisión beneficiará a 32.000 persoas ou empresas cada mes, o que suporá unha perda de recadación por parte da Xunta de 35 M€ ao mes mentres estea vixente esta suspensión de prazos.

En todo caso, matizou que os contribuíntes que así o desexen poden presentar as autoliquidacións de xeito telemático a través da oficina virtual da Axencia Tributaria.

Non obstante, a suspensión de prazos non afecta ao resto dos impostos autonómicos relacionados co impacto ambiental –como o canon eólico, o imposto sobre as augas encoradas ou o imposto sobre contaminación atmosférica– dado que estes temas proseguen. “Iso si, páganse de acordo coas emisións. Loxicamente, se baixan as emisións pagarán menos”, matizou.

Plan específico para dotar de liquidez á tesourería da Comunidade

Ademais de aprobar esta suspensión dos prazos para autoliquidar os principais impostos que xestiona Galicia, Feijóo reiterou a posta en marcha dun plan específico para mellorar a liquidez da tesourería da Comunidade Autónoma, co fin de compensar o descenso da recadación como consecuencia do aprazamento destes impostos autonómicos; e axilizar os pagamentos de facturas a todos os provedores que traballan coa Administración galega, clave para os autónomos e as pemes.

“Hai case 5.000 provedores da Xunta de Galicia e teñen que ter a seguridade de que a Xunta vai pagar coa maior rapidez posible”, engadiu.

Para garantir todo isto, a Tesourería da Comunidade acaba de dispoñer de 1.800 millóns de euros adicionais aos que xa vén dispoñendo mensualmente como consecuencia da recadación dos impostos da renda e do IVE. Con esta cantidade adicional, o Goberno galego afrontará os pagamentos ordinarios, como as nóminas dos empregados públicos ou as cotizacións á Seguridade Social; o pagamento ás farmacias; axilizar o pagamento das facturas aos provedores da Xunta; e afrontar gastos extraordinarios, como os que se están a afrontar no ámbito dos servizos sociais e da sanidade.

Así pois, o Goberno galego contará cunha potencia de liquidez superior a un período normal de actividade.

Feijóo aseverou que con este plan de liquidez, o obxectivo da Xunta é pechar o mes de marzo cun tempo medio de pago de facturas nun máximo de 15 días, mantendo así a Galicia entre as comunidades autónomas con menor tempo para o pagamento de facturas.

En concreto, o número de provedores actual da Administración autonómica oscila entre os 4.478 e os 4.642, dos que: máis de 2.300 son pemes; 953 autónomos; 611 sociedades anónimas; e 232 entidades sociais sen ánimo de lucro, maioritariamente do ámbito da discapacidade e das persoas maiores. Ademais, a través dos catro colexios farmacéuticos provincias canalízase o pago a máis de 1.300 oficinas de farmacia.

R., 2020-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES