
Este mes de marzo comezará a pilotarse Asiste, un novo servizo en mobilidade da Historia Social Única Electrónica (HSUE), que están a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social.
A directora da Axencia, Mar Pereira, e o director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, participaron hoxe na xornada O impacto das tecnoloxías dixitais no ámbito da atención social, organizado por Minsait, filial de Indra, na cal se realizou unha demostración da ferramenta e se lanzou a convocatoria Ventures4 Silver, en colaboración coa Xunta, para impulsar a creación de novos produtos e servizos orientados a mellorar a calidade de vida das persoas.
HSUE no móbil
Asiste configúrase como o asistente social no móbil, unha canle telemática de comunicación coa rede familiar de coidadores, que poderán monitorizar en tempo real dende o seu dispositivo os parámetros da actividade, biomedidas e xeolocalizacion da persoa e establecer recordatorios de medicacións, visitas médicas etc.
A medida que se vaia evolucionando a aplicación permitirá tamén recibir as avisos e notificacións de procedementos ou recordatorios de citas dos servizos sociais. Para facilitar o uso da aplicación por parte de persoas maiores, Asiste contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz permitirá unha comunicación intuitiva.
A Xunta facilitará este servizo de xeito gratuíto a calquera persoa residente en Galicia, de xeito que, no momento que comece a usar o servizo, se lle abrirá unha Historia Social Única Electrónica. Toda a información e datos xerados e contidos na Historia, serán custodiados pola Administración autonómica coas debidas garantías de seguridade e confidencialidade. Nun futuro a plataforma permitirá a integración dos dispositivos cos que o prestador de servizos de teleasistencia da Xunta dote aos cidadáns que teñan esa prestación.
Evolución da plataforma
Con esta aplicación a Xunta incorpora novas solucións innovadoras á Plataforma da Historia Social Única Electrónica, que se implantou en 2016 como eixo central da estratexia de dixitalización dos servizos sociais. Actualmente preto de 700 profesionais dos servizos sociais locais e da Administración autonómica empregan HSUE, que lles permite un acceso único aos expedientes dixitais de 670.000 galegos. A día de hoxe un total de 308 concellos están adheridos á plataforma, que integra nun único sistema os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes implicados na prestación dos servizos sociais.
Convocatoria Ventures4Silver
Durante a xornada lanzouse a convocatoria Ventures4Silver, aberta a todo o ecosistema innovador galego e mesmo nacional, desde emprendedores ou estudantes ata universidades, spinoffs e centros tecnolóxicos, para impulsar a xeración de ideas de negocio que teñan como base a tecnoloxía para crear novos produtos ou servizos que aínda non existen no mercado.
As propostas deberán ter viabilidade para desenvolverse como un produto comerciable nun prazo de entre un e dous anos e enmarcaranse na temática de asistentes persoais virtuais, wearables e domótica no fogar, estimulación cognitiva, robótica empática, intelixencia artificial e aprendizaxe automática.
Aceleración tecnolóxica, financeira e industrial
Os intresados en participar en Ventures4 Silver poden presentar as súas propostas ata o 3 de abril de 2020 na plataforma iParticipa, accesible a través das webs, www. indraVentures4 Silver.gal, www.indraVentures4 Silver.es e www. indraVentures4 Silver. com.
Seleccionaranse 10 ideas finalistas e un xurado de expertos, formado por membros de Minsait e a Xunta de Galicia, elixirá ás 3 ideas gañadoras, ás que se sumará unha cuarta, que será a que obteña maior número de gústame ou likes da Comunidade (usuarios da plataforma iParticipa).
A proposta gañadora recibirá 10.000 euros e a segunda 5.000 euros, mentres que a idea que logre o terceiro posto e a proposta elixida pola Comunidade recibirán 3.000 euros e 2.000 euros, respectivamente.
Ademais, as tres ideas gañadoras seleccionadas polo xurado recibirán un período de aceleración tecnolóxica, financeira e empresarial dunha duración máxima de 6 meses, que comezará inmediatamente despois do acto de clausura con, polo menos, 2 semanas presenciais en Galicia na fase inicial.
A iniciativa será canalizada a través do Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Socio-sanitarias (CETISS) da filial de Indra, inaugurado o pasado mes de xuño, no marco do Pacto Dixital de Galicia, para concentrar coñecemento e actividades de innovación tecnolóxica en ámbitos como o envellecemento activo, o empoderamento do paciente, Fogar Dixital ou a historia socio- sanitaria, entre outros
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.